Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Os ecoloxistas critican a reforma da lei do solo

Hai unha semana, oferta de pacto polo territorio; este martes, convite á especulación

Malia o consenso social sobre os excesos urbanísticos xa cometidos, unha maioría parlamentaria avalará este martes a apertura de novos buratos legais a prol da desprotección e o ladrillo.

Redacción - 12:45 22/03/2010

A retirada da protección aos montes veciñais en man común; a redución dos freos en solo rústico de especial protección en favor de usos construtivos; as facilidades para a legalización de polémicos proxectos en concellos como Barreiros, Porto do Son ou Sanxenxo... Desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) teñen clara a lista de reproches que se lle poden facer á reforma da lei do solo que impulsa o PP desde a Xunta. Consideran entre outros que se favorece a transformación dos núcleos rurais en novos espazos para a especulación urbanística e que os novos criterios de caducidade e prescrición de licenzas e autorizacións danlle maior cobertura á ilegalidade urbanística.

Paradoxal promesa de pacto desde a Xunta
"Quero reiterar de novo a oferta para impulsar un amplo pacto polo territorio". Subliñábao o presidente da Xunta o pasado martes no Debate sobre o Estado da Nación. Foi unha das teóricas ofertas estrela do seu discurso de apertura, onde prognosticou que o seu equipo botará adiante "a ordenación territorial máis completa que nunca tivo Galiza".

Na práctica, o convite coincide coa tramitación en marcha da reforma da lei do solo, que estará no primeiro plano da Cámara este mesmo martes. A cita chega coa novidade do anuncio de voto favorábel por parte dos socialistas, un aval que xustifican pola presunta viraxe do PP á hora de incluír unha serie de requirimentos que, entenden desde o PSdeG, frean a autorización de instalacións acuícolas en Rede Natura ao xeito do que acontecía coa de Touriñán. Un asunto que, paradoxalmente, é visto de xeito diferente polo PPdeG, desde onde consideran que non habería impedimento a unha hipotética recuperación dese proxecto en concreto.

Persiste nos erros e insiste na burbulla inmobiliaria
"Escandaloso e xeneralizado incumprimento", son os cualificativos cos que desde Adega fan balance da actual lei do solo, con sete anos de vixencia, advertindo de que as administracións estiveron neste tempo máis preocupadas de "favorecer a especulación e o negocio privado" antes ca o interese social. É desde esa convicción que os ecoloxistas agoiran que a reforma en curso non parece ir achegar "nada bo".

Para os ecoloxistas sería prioritario que antes de modificar unha lei "á que aínda non lle deron oportunidade de desenvolverse" se priorizase o deseño dunhas Directrices de Ordenamento do Territorio. Para os ambientalistas é fundamental que os planos sectoriais e de ordenamento pendentes no país, a propia reforma da lei do solo incluída, se fagan desde a base desas directrices. Os planos eólico, hidroeléctrico, acuícola, de portos deportivos, mineiro ou de polígonos industriais son exemplo, avisa Adega, de desafíos lexislativos pendentes que, sen criterios claros de partida, con probabilidade serán resoltos con "graves e irreversíbeis impactos ambientais e sociais".

Prioridade: directrices blindadas fronte á presión especuladora
Segundo o mapa de actuación deseñado polo Goberno, logo desta reforma da lei do solo, posteriormente a lei do litoral e as directrices do territorio seguirán un trámite paralelo que podería dar froito antes de 2011. Malia o convite ao consenso, o recente debate parlamentario amosou escasa flexibilidade cara a unha posíbel negociación e, de feito, o propio Alberto Núñez Feijoo para este pacto quixo tender a man "moi en particular" ao grupo parlamentario dos socialistas, indicando así e todo que mantiña o ofrecemento ao BNG. Así, e fronte aos titubeos dos socialistas diante da reforma concreta que chega a votación este martes, desde o PP subliñan que, en todo caso, contan coa maioría necesaria.

O escenario é fondamente criticado polos ecoloxistas. "Non imos ficar calados nin moito menos ser cómplices desta verdadeira involución territorial que se pretende perpetrar con esta modificación da Lei do Solo, un dos maiores atentados cometidos nunca contra a esencia mesma de Galiza", avalía Adega. Os activistas convidan ao pacto e compromiso social polo territorio, pero advirten que tal tacto debe facerse desde a transparencia e a participación social. Tal acordo debera partir da elaboración dunhas Directrices do Territorio sobre as asentar "un desenvolvemento coherente, sustentábel e cohesionador". Un chanzo imprescindíbel, advirten, para asegurar a conservación e a posta en valor do patrimonio natural, paisaxístico e cultural do país "en íntima compatibilidade cunha maior calidade de vida e benestar da poboación rural e da cidadanía galega en xeral".


4,43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: