O primeiro ministro portugués reitera que a conexión rápida por tren entre Galiza-Portugal será unha realidade antes de que remate 2015.
Blanco xa anunciara, canda o seu homólogo portugués, a dificultade de cumprir prazos
Hai dúas semanas o goberno portugués comfirmaba o que xa se agardaba: A conexión Porto-Vigo por Tren de Alta Velocidade (TAV) adiarase até 2015. Mais isto non evitou que o primeiro ministro José Sócrates estea a recibir duras críticas por esta obra. El mesmo o recoñece este domingo nunha entrevista coa que abre a edición o Jornal de Noticias. “Toda a polémica resulta por suspender dous anos a construción do TAV Lisboa-Porto e Porto-Vigo”. No que respecta á conexión Porto-Vigo, Sócrates asegura textualmente: Porque adiar aquelas obras? Tiñamos que adiar Porto-Vigo porque España tamén o fixo”.
As obras de alta velocidade con Galiza levan xerada moita polémica nos últimos meses. Na última campaña electoral, a principal rival de Sócrates, Manuela Ferreira Leite (PSD), prometía que en caso de gañar os comicios suspendería a conexión con Vigo. A candidata do centrodereita subliñaba que os traballos non eran unha prioridade para Portugal.
En novembro de 2009, o ministro de Fomento, Xosé Blanco, adiantaba que o TAV Porto-Vigo non ía estar listo en 2013, tal e como se viñera prometendo. Dende o executivo español afirmaban que había complicacións técnicas como a “orografía moi complicada” no tramo O Porriño-Vigo. Mais a razón principal tanto de Lisboa como de Madrid é o recurte orzamentario debido á crise económica que tantos problemas está a xerar nos dous estados.
Se se confirman finalmente os prazos, a finais de 2015 a vía de alta velocidade entre Porto e Vigo será unha realidade. Segundo as previsións, terá un percorrido de 125 kilómetros (25 deles por terras galegas) e o traxecto entre as dúas cidades farase en pouco máis de 40 minutos.