Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICA

Estamos ás portas da terceira Intifada?

A tensión vai en aumento logo de que Israel declarase a tumba de Raquel, en Belén, e da mesquita de Ibrahim, en Hebrón, patrimonio seu.

Aldara Ferreiro - 19:53 16/03/2010

O luns anoiteceu con novos indicios de que a terceira Intifada pode comezar en calquera momento; de feito, dende hai xa varios meses se intúe esa posibilidade, a tenor dos disturbios na explanada das mesquitas, en Xerusalén, e da declaración da tumba de Raquel, en Belén, e da mesquita de Ibrahim, en Hebrón, como patrimonio israelí. O caldo de cultivo para este novo levantamento popular está servido e ten o seu núcleo de expansión en Xerusalén. O luns polo serán comezaron os primeiros enfrontamentos entre mozos árabes e soldados israelís nos campos de refuxiados ao redor de Xerusalén, así como nos barrios árabes. O martes amenceu con protestas espalladas por toda Gaza e Cisxordania que, en moitos casos, foron caladas violentamente.

Xa o domingo, un grupo de xudeus ultra-ortodoxos repartiron panfletos, en árabe, invitando a deixar o país a todas as persoas que non sexan xudías: “O Antigo Testamento di que a terra de Israel é pequena e só pertence aos xudeus. Os demais non poden quedar de xeito permanente.” Aínda que este incidente pasou inadvertido, non sucedeu o mesmo coa intención de rehabilitar unha sinagoga próxima á Mesquita de al-Aqsa, un intento de xudaizar a cidade e que pode parangonarse coa visita de Ariel Xarón, á cidade vella, no que fora o estoupido da Segunda Intifada.

Estes temas deron pé á idea de que Israel ten pensado tomar a Mesquita de al-Aqsa e construír o terceiro templo, algo que, segundo o xudaísmo, só poderá facer o Mesías cando chegue. Con todo, os continuos distanciamentos cara un proceso de paz e as novas provocacións, invitan a pensar no que, dende a parte Palestina se identifica como a Terceira Intifada, sempre impredicible, posto que nace do pobo e é este quen decide o seu comezo.
Preto de cen persoas feridas e varias detidas é o balance dun martes violento en Xerusalén que, en cidades como Hebrón, Belén, Ramallah ou Gaza congregou a diferentes manifestantes contrarios á situación actual. Do mesmo xeito, algúns cidadáns árabes de Israel intentaron achegarse a Xerusalén, para participar nas manifestacións, pero o acceso á cidade está limitado e o exército mantense vixiante nos principais núcleos árabes. Ata o de agora, as autoridades de Xerusalén chaman á calma, conscientes dos perigos, pero seguros de que os disturbios non derivarán nunha nova revolta. Porén, a tensión no cesa e os enfrontamentos continúan.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: