Un 'plan estratéxico', de momento sen medidas concretas, e dous convites ao pacto: polo territorio e a prol da revitalización demográfica do país, principais novidades do discurso do presidente da Xunta.
(Haberá ampliación)
Faragulla de cal e faragulla de area do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, á hora de facer públicas as prometidas ofertas de pacto coas que chegaba a este Debate sobre o Estado da Nación. Con dous importantes consensos rotos na axenda recente, o lingüístico e o que lle toca aos servizos sociais, evidenciado nos últimos días nos respectivos conflitos ao fío do anteproxecto sobre a lingua no ensino e nas políticas de igualdade, realizou o presidente dúas novas ofertas para o acordo entre os tres grupos parlamentarios. O impulso dun "amplo Pacto polo Territorio" e o que bautizou como un Pacto polo Rexuvenecemento de Galiza.
A estratexia diante da crise, ausente do convite
"Ninguén pode negarlle a este Goberno a súa disposición ao pacto", reivindicou Núñez Feijoo para o seu equipo, asegurando ser ambicioso no que lle toca aos consensos e afirmando non conformarse "coa maioría que o pobo galego nos outorgou, queremos gobernar para todos e con todos, sen exclusións".
Mais paradoxalmente, o convite ao consenso non abrollou no asunto que estaba chamado protagonizar o debate, a estratexia diante da crise económica. Neste punto, o presidente da Xunta comezou subliñando que no momento de tomar o mando do executivo "Galiza estaba sumida na maior crise do último século" e acusou ao anterior executivo e ao goberno español de "negarse a recoñecelo". Así, Feijoo responsabilizou ás dúas administracións de deixar que o paro aumentase "un 50% en menos de dous anos" e de pasar dun crecemento económico do 4,4% no terceiro trimestre de 2007 a un crecemento negativo a comezos de 2009.
Nese sentido, reivindicou Feijoo a efectividade do "plan de choque" posto en marcha nos primeiros tres meses de goberno, asegurando que se mobilizou nese tempo o 11% do orzamento a través de medidas urxentes que terían beneficiado até 30 mil desempregados e freado o crecemento do paro en Galiza. Ao fío, teimou en defender a "austeridade" e "aforro en partidas superfluas". A continuación, o presidente enmarcou a estratexia do seu equipo de agora en diante dentro do que bautizou Plan Estratéxico 2010-2014, proxecto económico co que dixo querer "aproveitar as oportunidades do novo escenario para saír reforzados". Entre os principios nos que se basearía citou a flexibilidade na súa adaptación territorial, a austeridade e a cooperación cos axentes sociais. Así e todo, non citou ningunha idea concreta a este respecto aínda que mencionou que o executivo manexa un cento de medidas "máis de 300 actuacións e máis de 400 indicadores".
Pacto polo territorio e a prol da demografía
A posibilidade abrollada en datas recentes de que os grupos parlamentarios de PPdeG e PSdeG atopasen un punto de encontro ao respecto da ordenación do territorio saíu á luz tamén no debate, onde Feijoo mencionou especificamente a "oferta para impulsar un amplo pacto polo territorio", un convite dirixido "moi en particular ao grupo dos socialistas".
Mais o presidente da Xunta salientou especialmente a oferta para un "Pacto pola Revitalización Demográfica", un conxunto de medidas que irían a formar parte dun plan máis amplo de acción social. Un convite que parte do convencemento, dixo Feijoo, de que "un dos principais problemas cara o futuro de Galiza é o progresivo avellentamento da poboación e a baixa taxa de natalidade". Revelou o xefe do executivo que están en marcha dous estudos para o diagnóstico de "causas que motivan que Galiza sexa desde hai tempo un dos territorios coa máis baixa taxa de natalidade" e de estudo dos efectos reais das medidas adoptadas noutros países para lograr a revitalización demográfica.
A este respecto, afirmou Alberto Núñez Feijoo que calquera estratexia de revitalización demográfica "debe ter detrás o maior consenso político e social posíbel". "Un consenso necesario para garantir a súa aplicación coherente ao longo de varias lexislaturas, con independencia do partido que en cada momento asuma a responsabilidade de gobernar", engadiu.