Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PSOE abstense na votación

A Xunta non quere asumir competencias en salvamento e loita contra a contaminación mariña

O Parlamento rexeitou a iniciativa do BNG a prol da transferencia. O PP vota en contra malia as queixas polo traslado a Madrid do centro anticontaminación.

Redacción - 17:55 09/03/2010
Rodríguez Miranda censura que o PSOE non faga presión a prol do centro anticontaminación

Rodríguez Miranda censura que o PSOE non faga presión a prol do centro anticontaminación

Na anterior lexislatura houbera unanimidade na Cámara en favor da transferencia a Galiza de competencias en até 70 eidos diferentes e, entre elas, incluíase a de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña. Malia ese precedente, o pleno da Cámara rexeitou este mesmo martes unha iniciativa do BNG en favor desa transferencia concreta. Na memoria recente está o malestar polo traslado a Madrid do centro de loita contra a contaminación no mar, mais non foi abondo para botar adiante a iniciativa, xa que o PP votou en contra e o PSdeG abstívose.

Para o voceiro en materia de Pesca do grupo parlamentar do BNG, Bieito Lobeira, desde a Xunta están a actuar como "escudeiros do goberno español" ao defender esa negativa ao traslado de competencias. O deputado nacionalista insistiu en que desde Galiza podería desenvolverse con maior eficiencia este ámbito competencial e recordou a experiencia do Prestige. Naquel suceso, na opinión de Lobeira, demostrouse "a falta de capacidade para tomar decisións políticas urxentes, sen necesidade de recorrer a Madrid, á hora de enfrontarnos ante situacións coma estas". Lobeira inseriu a negativa do PP no marco das voces que desde este partido "aínda seguen negando que en Galiza se producira unha catástrofe e mesmo afirman que foi positiva para a economía galega, como aparece nalgunhas publicacións distribuídas pola Consellaría do Mar".

O PP opina que máis competencias non mellorarán a seguridade
Desde a bancada do PpdeG, o deputado Antonio Rodríguez Miranda teimou en criticar a decisión do goberno español de levar o centro anticontaminación da Coruña até Madrid. Unha decisión que Rodríguez Miranda entende que "demostra que nin a loita contra a contaminación mariña nin Galiza son prioridades dentro da axenda de Zapatero". Reprochou ademais que os socialistas galegos "non están a facer presión" para que se reconsideren ese tipo de decisións.

Así e todo, Miranda defendeu a negativa do seu grupo á transferencia competencial, argumentando que Galiza debe contar cos medios axeitados en salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña e que tal desafío non está necesariamente vencellado a "demandar moitas competencias que non supoñan unha mellora da seguridade das xentes do mar". Xustificou o voceiro do PP que o seu partido avoga pola "coordinación e colaboración entre administracións". Con todo, Miranda afirmou que o seu partido atenderá á solicitude das competencias do Servizo Meteorolóxico; funcións e servizos de ordenación do sector pesqueiro; expedición e acreditación das titulacións profesionais da mariña mercante; inspección de seguridade e saúde a bordo de embarcacións; e inspección e vixilancia pesqueira en augas exteriores para o seu exercicio na zona correspondente ao litoral galego, xunto cos medios humanos, materiais e financeiros destinados a este fin.


1/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: