Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Terremoto de 8,8 graos

Chile fai reconto dos seus mortos

O maremoto causado polo sismo puxo en alerta todo o Pacífico Sur e os seus efectos notáronse xa en Nova Celandia, Tonga e Samoa. Fortes réplicas en solo chileno.

Redacción - 11:00 28/02/2010
O sismo causou numerosos danos

O sismo causou numerosos danos

A Oficina Nacional de Emerxencia (ONEMI) de Chile confirmou este sábado pola noite (madrugada na Galiza) que a cifra de falecidos polo terremoto de 8,8 graos supera os 300, unha cifra que podería aumentar nas próximas horas (O domingo pola noite, xa se superaban os 700).

"Estimamos que isto vai continuar a se incrementar. De feito entre o último informe e os últimos minutos hai unha gran diferenza nas cifras", afirmou a directora nacional do organismo, Carmen Fernández.

Recalcou, segundo informan axencias internacionais, que antes de 72 horas non se terá unha "dimensión total" da catástrofe. "Isto é completamente dinámico, a medida que se vai accedendo a determinados lugares", engadiu.

Centos de persoas durmiron en colchóns e cadeiras de plástico nas rúas do centro de Santiago, a capital, por temor a outro terremoto. De feito, producíronse máis de medio cento de réplicas nas últimas horas, a máis grave de 6,1 graos.

Os danos foron graves en Concepción, a segunda cidade do país, onde o sismo derrubou casas e pontes e só as lapas dos incendios iluminaban na madrugada do sábado ao domingo a noite pechada.

Alerta no Pacífico

O maremoto causado polo sismo puxo en alerta todo o Pacífico Sur e os seus efectos notáronse xa en Nova Celandia, Tonga e Samoa. Ondas de catro metros de altura azoutaron parte das Illas Marquesas, na Polinesia Francesa.

En cuestión de tres horas, as ondas aumentaron de 20 centímetros a 1,5 metros, nas Illas Chatham, perto da cidade de Christchurch, na Illa Sur. As autoridades australianas pecharon o acceso a todas as praias do estado de Nova Gales do Sur, no leste do país.

A Administración Nacional de Atmosfera e Océanos (NOAA) dos EUA emitiu unha alerta de tsunami para un ampla área do Pacífico, incluído México, Perú, Ecuador, Nova Celandia, Australia, Rusia, Indonesia, Xapón e Filipinas, ademais de Chile.

Hawai (EUA) decidiu anular este domingo pola mañá a alerta por tsunami que declarara, aínda que se prevé unha elevación do nivel do mar e fortes correntes durante as próximas horas nalgunhas zonas.


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: