Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Promesa de plan en 2011 e reclamacións a Madrid

Coa negociación económica bloqueada Educación teima contra os reitores

De criticar o bipartito por falta de compromiso coas institucións, o PP pasa a enfrontarse abertamente con elas no que a oposición cualifica de "estratexia deleznable".

Redacción - 13:15 18/02/2010

O secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, Xosé Alberto Díez de Castro, afirmaba este mércores en comisión parlamentaria que proximamente habería "novidades" ao respecto do plan do Goberno sobre financiamento universitario. Ao respecto do calendario, falou Díez de Castro de xullo como posíbel data para a saída á luz do texto e dixo esperar que poida incluírse nos orzamentos de 2011. Na súa intervención, Castro xustificou a belixerante misiva remitida o pasado 29 de decembro pola Consellaría de Educación aos reitores. "Quixemos unicamente aclarar certas dúbidas e recordarlles ás universidades a situación de crise económica que vivimos", dixo, acusando os reitores de dar cifras "que non eran as correctas" sobre o recorte de investimento.

De xeito paralelo, o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, reuníase co secretario xeral de Universidades do goberno español, Marius Rubiralta. E das palabras do conselleiro logo desta xuntanza, deixábase ver a convicción de que ese calendario podería afrontar demoras maiores. Na primavera de 2009 e pouco despois de acceder ao cargo, o titular de Educación xa se comprometera a priorizar un novo plan de financiamento para as universidades e á procura do acordo coas tres institucións a este respecto, ao tempo que garantía a elaboración dunha Lei Galega de Universidades.

Mais ao fío da xuntanza co representante do goberno español, Vázquez aprazou calquera reforma neste sentido, indicando que os cambios deben ir precedidos "dunha normativa estatal". Ao fío referiuse o conselleiro a asuntos coma o do novo estatuto do profesorado, os sistemas de goberno das universidades ou a nova lei de Ciencia. O conselleiro insistiu ademais na necesidade dun roteiro axeitado ás necesidades das universidades e os estudantes galegos e a acordos entre Estado, gobernos autonómicos e institucións sobre o marco financeiro do sistema.

"Deleznable estratexia", denuncia o PSdeG
Malia seren piar básico do desenvolvemento do país "o goberno de Feijoo cáusalles graves problemas económicos". Denunciábao a portavoz en materia universitaria do grupo parlamentario do PSdeG, Concepción Burgo, definindo de "estratexia deleznable" a posición de enfrontamento da Xunta coas tres institucións galegas.

Burgo recuperaba así na Cámara para o primeiro plano a belixerante misiva remitida por Educación aos reitores, en resposta ás reclamacións destes en materia económica. A voceira socialista laiouse de que, no canto de buscar o consenso, a consellaría realice "graves acusacións ás universidades, buscando o seu desprestixio, e tentar tapar así as protestas dos sectores mais críticos". Lembrou ademais o posterior retruque dos reitores, evidenciando que a postura do Goberno está "chea de falsidades".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: