Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Malia o compromiso adquirido de presionar

O ministro de Industria non está seguro de "se interesa ou non" quitarlle o veto a Navantia

Miguel Sebastián cualifícao de "tema complexo" argumentando que supón "reabrir o expediente de Izar".

Redacción / EP - 23:45 16/02/2010

O ministro de Industria, Miguel Sebastián, afirmou este martes que a negociación do levantamento do veto ao estaleiro de Navantia-Fene, sobre o que pesa a limitación do vinte por cento de construción naval civil, constitúe un "tema complexo" que suporá "reabrir o expediente de Izar", polo que avisou de que "hai que formularse se interesa ou non".

Cualificando o asunto como "unha das herdanzas e non boas do goberno do PP", sinalou sobre o tema da antiga Astano que levaría consigo tamén a reapertura do caso de Izar, tras a amoestación da Unión Europea polo cobramento de axudas públicas que poderían atentar contra a libre competencia de mercado. Con todo, insistiu na súa comparecencia no Senado en que o sector naval é "estratéxico" e asegurou que o seu departamento "traballa para a prórroga do actual marco de axudas estatais".

A presidencia de quenda na UE avanza sen novidade ao respecto
As palabras do ministro abren incerteza sobre o compromiso que, nunha intervención no Congreso en resposta ao deputado do BNG Francisco Jorquera, o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, expresara ao respecto deste tema. Zapatero dixera daquela estar "seguro" de que, aproveitando a presidencia de quenda na Unión Europea, era o "momento axeitado" para "formular unha nova ofensiva" ante a UE, para os estaleiros de Navantia en Fene puidesen volver á construción naval civil.

Por outro lado, o deputado do Grupo Parlamentario do BNG Henrique Viéitez lamentou este martes que o PP e o PSdeG solicitasen o aprazamento para presentar emendas á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) sobre o sector naval e que foi recentemente admitida a trámite polo Parlamento, posto que iso "dificultará a súa aprobación" no menor prazo de tempo posíbel. Viéitez considerou que "non hai escusa" algunha para que o aprazamento, posto que se trata dunha lei de cinco artigos e dúas disposicións adicionais, e recordou que "na actual situación de crise, é fundamental axilizar todas as medidas e iniciativas que teñen por obxectivo favorecer sectores básicos para a economía".


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: