Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Logo da moción de censura

A dereita porriñesa: chegar e encher (os petos)

A un ano de pasar polas urnas, os novos xestores do Concello do Porriño triplícanse os soldos e ralentizan a actividade municipal.

R. Noguerol - 12:15 12/02/2010

Á luz do visto este xoves na Casa do Concello d'O Porriño, os acontecementos recentes na vida política do municipio responden a algúns tópicos pouco optimistas para a xestión dos asuntos públicos que a veciñanza esperaría.

A estrea do novo goberno local, no que as formacións da dereita porriñesa suman forza e votos para a maioría absoluta tivo un protagonismo claro: o reparto de soldos para o novo equipo. E se o anterior equipo de goberno do BNG funcionaba con dúas adicacións e media, cun custo anual de 98 mil euros para o Concello, o goberno entrante pasa a case triplicar esa cifra. Así, o complicado equilibrio de poder armado arredor do novo alcalde, Nelson Santos (Ciudadanos por Porriño), xunto con PP e Independentes por Porriño, requiriu do reparto de cinco adicacións completas e tres adicacións parciais.

Xa que logo, serán un total de 240 mil euros os que pase a gastar O Porriño en sufragar os salarios do seu goberno. Exemplo da urxencia do novo goberno local por comezar a ingresar os soldos e o mecanismo usado, no límite do legal, para a súa asignación. Sabedores de que nos orzamentos prorrogados as adicacións ían necesariamente unidas a áreas municipais concretas, a dereita porriñesa priorizou no seu acceso ao poder o cobro de cadanseu salario, independentemente de que na práctica do día a día as áreas reais de responsabilidade de cada edil non sexan as que figuran no papel.

Forte malestar na oposición
"Sabían que se querían un novo organigrama e con esas adicacións a tramitación necesaria faría que tardasen arredor de tres ou catro meses en cobrar", denuncia o ex alcalde Raúl Francés. O edil nacionalista exemplifica con isto a "grave" situación que considera que se abre no Concello. "A primeira decisión que toman é subírense o soldo", ironiza ao respecto das políticas de austeridade que o PPdeG di defender.

Doutra banda, Francés quéixase tamén do "talante de crispación" e "freo ao debate" que trata de impoñer o novo goberno local. Cita como exemplo que os plenos municipais pasan a ser cada dous meses, xusto no límite máximo do que marca a lei. Ademais, láiase de que se rache a tradición de celebrar os plenos pola tarde, trasladándoos ás mañás. Unha decisión que, na opinión do concelleiro nacionalista, ten que ver coa intención de obstaculizar a actividade da oposición, tratando de "incompatibilizala" cos traballos persoais dos edís á vez que se recorta a asistencia de público ás sesións. A maiores, o ex rexedor lembra que os plenos municipais deixan de ser "totalmente abertos" a restrinxirse a unha soa intervención por grupo máis unha soa réplica.

Ao fío, o voceiro do grupo municipal do BNG denuncia que a triplicación do gasto en salarios coinciden con recortes concretos para a escola municipal de teatro ou para o entroido. "É un calco da política feijoana: chegar, falar de suposta austeridade e cargarse servizos sociais e culturais e obstaculizar o debate político", critica.

Mentres, desde o Concello admiten ao respecto do gasto nas festas do entroido que se reduce "considerablemente" o orzamento respecto a outros anos e remítense á "austeridade" do novo equipo. "Xa non só polo feito do aforro de custos, cuestión trascendental nos tempos que corren, senón tamén coa intención de facer máis partícipes as agrupacións locais", expoñen. Desde a primeira tenencia de alcaldía, responsabilidade de Manuel Carrera (PP), falan dunha primeira semana de "intenso traballo" e de posta "en marcha" do traballo "acumulado polo anterior goberno".


5/5 (21 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: