Invictus é a nova película de Clint Eastwood, director cunha filmografía que merece ser visitada periodicamente. Baseada no libro O factor humano de John Carlin, a película narra o acceso ao goberno de Nelson Mandela, nunha Suráfrica na que legalmente desaparecía o apartheid. O tema desta película é a non vinganza, a renuncia a facer xustiza. Un tema con numerosos e variados antecedentes históricos, desde a benaventuranza do perdón ata a forma na que se levou a transición á democracia en España.
Mandela foi visto por moitos dos seus coma un traidor, igual que no pasado lles tocou a Suárez e Carrillo, ou a Gerry Adams en Irlanda. O lema parece claro: cando conseguimos que as regras inxustas cambien, debemos centrarnos en desenvolver as novas regras, non en axusticiar os que con outras normas de xogo cometeron tropelías. Facer continuos escarceos pola memoria buscando os momentos que máis nos lexitiman, seleccionando o pasado que máis se adecúa á nosa ideoloxía, só é un exercicio de confusión e trapazada. Pode ser lexítimo, pero imposibilita a reconciliación. Busca a xustiza do vencedor, non a convivencia dos humanos. Adoitamos recurrir á historia para lexitimizar asaltos indebidos a parcelas de poder, buscando vantaxismos ou privilexios que sabemos que non conseguiriamos dunha forma normal.
A parábola que nos conta Eastwood para mostrar a necesidade da non vinganza consiste na decisión de Mandela de que o equipo de rugby branco sexa a selección nacional surafricana, algo que constituíu un primeiro e necesario paso na unión necesaria dese país. Os negros surafricanos estaban totalmente lexitimados para case todo debido ás enormes inxustizas que se cometeran contra eles, pero as regras cambiaran. Ese fora o seu trunfo: lograr cambiar as regras, dar un paso adiante na convivencia plural que todo país necesita. Afastarse dos discursos únicos, recoñecendo que a parte de verdade que nos transmite o opositor é tamén parte esencial da democracia. Entre crear e crecer, ou repartirnos as miserias dos que perderon, parece que está claro cal é o tipo de sociedade preferible.