Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Os socialistas acusan o PP de "engano masivo"

"Vanlle dar o paquete completo a Caja Madrid", agoira Pachi Vázquez sobre as caixas

Feijoo acusa o PSdeG de colaborar nunha 'aldraxe'. Os socialistas recuperan o Estatuto para a axenda. O BNG reclámalle á Xunta que presente recurso contra o FROB.

Redacción - 19:00 03/02/2010

Seguen arrebolando os garapaldos a unha e outra beira das bancadas políticas a conto das caixas. E na pelexa, o presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, e o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, usaron parecidos argumentos este mércores ao cruzárense acusacións. En símil futbolístico, ambos os dous culparon o respectivo adversario de tratar de levar Galiza "á segunda división".

O líder dos socialistas, Pachi Vázquez, acusou a Núñez Feijoo de practicar un "engano masivo" neste debate e de tentar "disfrazar de galeguidade" a fusión e a reforma da lei de caixas. Segundo Vázquez, a única fin dos de Feijoo sería ter o control político das entidades para "darlle o paquete completo a Caja Madrid". Unha estratexia na que Feijoo atendería as directrices de Mariano Rajoy e de Rodrigo Rato, denunciou o líder do PSdeG.

Novo convite á reforma estatutaria
Á beira do tema das caixas, Manuel Vázquez compareceu para recuperar para o primeiro plano o convite a a negociar unha reforma do Estatuto. Os socialistas aproveitan para isto a recente xuntanza da comisión bilateral Galiza-Estado para a transferencia de competencias, ao respecto da cal consideran que se evidenciou que a única vía que ten Galiza para acadar o máximo teito competencial no autogoberno é a reforma estatutaria "xa que cada vez que hai un escenario bilateral, Galiza queda por debaixo de outras comunidades que contan con novos estatutos". Nese sentido, Vázquez insistiu en que Feijoo teima en que Galiza "xogue en segunda división".

Feijoo relaciona os atrancos competenciais coa lea das caixas
Ao respecto do conflito coa lei de caixas, o presidente da Xunta advertiu de que se pode "repetir a historia" da 'aldraxe' de hai 25 anos cando "a Galiza quíxoselle poñer na segunda división dentro das autonomías cun Estatuto de segunda". Tal é o extremo, avisa Núñez Feijoo, que se debuxa actualmente estando en xogo que Galiza "quede sen caixas de aforros". Así o agoirou no caso de que o goberno español vaia adiante cun recurso no Tribunal Constitucional que paralizaría cando menos cinco meses a aplicación da lei de caixas, imposibilitando a fusión galega e a inxección de liquidez que as entidades recibirían do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), xa que a Comisión Europea só autorizou estas axudas deica o mes de xuño.

"O problema que ten o goberno de España é que de momento está a loitar para que Galiza non teña caixas de aforro", reprochou Feijoo, criticando que esta postura está "auspiciada polo socialismo galego". Feijoo reclamou "responsabilidade" para esixir do goberno español que non se presente o recurso e pediu "diálogo", desafiando a ver "que cousas están na lei de Galiza e non están noutras leis que non foron recorridas" ante o Constitucional, caso da de Cataluña e a de Andalucía. De paso, relacionou esta posición do goberno español coa que Madrid tería tamén ao respecto das transferencias competenciais. "Iso, como é natural, está dentro da mesma decisión política, que é que Galiza non incremente o seu autogoberno nin incremente a súa capacidade financeira mantendo as súas caixas de aforro", laiouse.

O BNG carga contra o PSOE e pide recorrer o FROB
"A lei galega non se negocia, a Xunta ten que defendela", subliñou Olaia Fernández Davila, deputada do BNG no Congreso, insistindo na maioría que avalou parlamentariamente a reforma da lei de caixas. "O que ten que facer o señor Feijoo é defendela", indicou sobre o mesmo punto a deputada Carme Adán.

Ambas as dúas defenderon en conferencia de prensa que a Xunta "se deixe de ameazas e recorra dunha vez ante o Tribunal Constitucional o FROB, aprobado no Congreso, cos votos a favor de PP e PSOE e co voto en contra do BNG". Os nacionalistas insisten así en que diante da "chantaxe" do executivo estatal ameanzando con recorrer a lei de caixas, o Goberno debera á súa vez presentar recurso pola presunta invasión competencial de varios artigos do FROB.

Doutra banda, laiouse Fernández Davila de que o o PSOE "está empeñado en que Galiza non teña un poder económico propio". Davila denunciou que os socialistas quererían facilitar a fusión de Caixa Galicia e Caixanova con entidades foráneas evitando as caixas galegas se fusionen entre elas garantindo "o poder económico que Galiza necesita".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: