Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XV CONGRESO PROVINCIAL OURENSE

Porfía popular: o baltarismo contra o candidato de Feijoo

O alcalde de Verín anuncia que, se gaña, nas súas listas levará a dous destacados cargos do aparello do partido: Rodríguez Miranda e Celso Delgado.

Redacción - 10:00 30/01/2010

As cartas xa están botadas. Dende as nove da mañá, o Partido Popular de Ourense decide o seu futuro. Un porvir que se decidirá entre dúas alternativas: Manuel Baltar, fillo de quen leva ocupando o cargo 18 anos, e Xoan Manuel Jiménez Morán, alcalde de Verín. Mais a escolla vai máis alá dunha simple decisión entre dous nomes, a verdadeira decisión que hoxe toman os populares ourensáns é a de darlle o seu apoio ao baltarismo, é dicir, os restos do que un día foi o puxante sector “da boina” ou ao candidato do aparello do partido, é dicir, ao candidato de Alberto Núñez Feijoo.

As posíbeis dúbidas sobre o apoio que o alaricán ten da cúpula do partido quedaron despexadas nos últimos días co apoio explícito do presidente da Xunta e mesmo coa sintonía, máis velada, amosada polo presidente do partido, Mariano Rajoy. Ademais, o último anuncio do candidato puxo as claras o seu patrocinio: se gaña, dixo, levará a dous destacados cargos do partido: Antonio Rodríguez Miranda, portavoz do PPdeG, e Celso Delgado, deputado no Congreso.

A decisión final queda agora en mans de 1.212 delegados chamados a votar neste XV Congreso provincial, logo dunha intensa e tensa campaña interna que foi recruando nos últimos días. Tal foi así, que o sector baltarista mesmo chegou a cualificar de “traidor e desleal” a Jiménez Morán, mentres que o alcalde de Verín denunciou tamén acotío supostas irregularidades cometidas no proceso polo seu opoñente.

Pola súa parte, Baltar Blanco xa adiantou que tratará de incorporar á Secretaría Provincial ao tamén deputado Rosendo Fernández, quen xunto con outros fieis como o tamén parlamentario Miguel Santalices e o senador Miguel Anxo Pérez de Juan, traballaron á súa beira dende que seu pai anunciou que non optaría a reelección.

Os intentos do presidente do partido, Mariano Rajoy, de impulsar unha lista única que integrara as dúas sensibilidades non deu froitos. A súa “chamada a capítulo” a Baltar Pumar, quen se desprazou á sede de Xénova esta mesma semana non foron quen de acurtar a distancia entre ambas candidaturas. Aínda máis, nos últimos días o candidato baltarista anunciaba que “nunca” estaría no comité de dirección dun “desleal” como Jiménez Morán e ratificaba que gañará coa xente que lle brindou o seu apoio dende o comezo.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: