Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
O galego no ensino

Os editores ven "imposíbel" axeitarse ao inglés e á elección dos pais

A Deputación de Lugo advirte de que a institución fará de "contrapeso" á Xunta para neutralizar o "decretazo".

Redacción - 11:35 23/01/2010

O presidente da Asociación Galega de Editores, Afonso García, considerou "imposíbel" adaptar a produción de material escolar á proposta de decreto do idioma no ensino por parte da Xunta, sobre todo respecto á introdución do inglés como lingua das clases e á elección da lingua das materias por parte dos pais.

Após a súa reunión co conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, García explicou que a introdución dunha "lingua ou linguas estranxeiras" nas clases suporía "fragmentar aínda máis o mercado". Ademais, rexeitou a elección do idioma dalgunha materia por parte dos pais ao considerar que "sería imposíbel ter un estudo de mercado" para cada vez que se lles pregunte aos proxenitores.

Deste modo, sinalou que a súa organización se adheriu "á filosofía da Real Academia Galega", ademais de pedir que "se manteña o mínimo do 50%" en galego e castelán e "que sexa a Administración quen determine o idioma das materias".

Deputación de Lugo: "Contrapeso ao decretazo"

Por outra banda, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao (BNG), advertiu este venres de que a institución provincial fará de "contrapeso" á Xunta para neutralizar o "decretazo" do uso do galego no ensino e tratará de que "non chegue a bo porto".

"A deputación vai facer política en favor da nosa lingua, porque non nos avergonzamos de amala", resaltou, fronte á actitude do Executivo de "ir contra o idioma e a cultura galegas". Bao anticipou que a institución porá "tódolos medios ao seu alcance para continuar coa política de consenso".

Ademais, criticou o presidente do PP de Lugo, Xosé Manuel Barreiro, que previamente acusara o BNG de utilizar de forma "partidaria" a deputación para "incentivar as protestas" contra o decreto. A xeito de réplica, afirmou que a institución "está agora aberta a calquera organización ou asociación", ao contrario que durante o período de goberno dos populares, que a usaban como "un terreo particular que monopolizaban ao seu antollo".

Voceiros dos partidos parlamentarios

As roldas de contactos da Consellaría coas diferentes organizacións sociais continuará o luns. Así, Vázquez Abad recibirá os representantes de BNG, ás 9.30 horas; os do PSdeG, ás 10.30 horas; e por último os do PPdeG.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: