Sexamos serios. Un dos variados disparates das bases do famoso decreto da cousa lingüística é o tratamento que dá ao inglés.
Teño para min que hai un dobre complexo. Por unha banda está o eterno complexo vilego –patufos desleigados, de Celso Emilio- de que o galego non se fala en garavata. É ben coñecido. Pouca xente en Galicia o ten realmente superado; mesmo percibes que está ben vivo entre os que apoian as manifestacións, que aboia cando lles toca gobernar, conferenciar, ligar, escribir o exame das oposicións, xestionar, defender a tese de doutoramento, facer a reclamación ou redactar un contrato. O complexo é ambiental, como a poalleira ou o salitre. Esixe atención continua. O odio é outra cousa.
Pero hai un segundo complexo, máis celtibéric. Está a medio camiño entre o de “xa semos europeos” e o de “aprenda inglés en tres semanas”. Máis rebaixas. Se por un complexo non se respecta o galego, co outro o que non se respecta é o inglés. E cómpre ser respectuoso con todos os idiomas. Coñezo ben a alguén que leva medio século estudando inglés, que coordinou proxectos europeos nos que só se falaba inglés, que viviu varios anos nun país de fala oficial inglesa, traballando nun centro de ensino e impartindo docencia en inglés. Pois ben, díxome rotundamente: a única maneira de sermos serios na remotísima posibilidade de introducir o inglés para ensinar Naturais na nosa escola é con profesores nativos. O demais é unha chapuza de acomplexados, ignorantes da complexidade das linguas. Soaría como un profesor de Wisconsin que comezase a ensinar Historia con seu español do Instituto Cervantes: “Ouh, musho bonito; io gustar torros”. Quérolle ben aos nosos profes de inglés. Hainos de enorme valía, pero dun docente pídese un perfecto dominio sintáctico, unha riqueza de vocabulario e recursos expresivos e, sobre todo, unha fluidez e unha fonética perfecta da lingua vehicular. A nosa gorxa e padal, o noso aparato fonolóxico non nos permite tal. Por iso ao mellor de nós, falando inglés, nótaselle. Está Educación en disposición anímica e financeira de conveniar con calquera país da commonwealth o desembarco de cinco mil profesores titulados? A cambio de que? E con que custe laboral propio se faría semellante “promoción de emprego” aos fillos e fillas da Gran Bretaña?