Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Detencións en Pontevedra

"Tanto Xurxo coma Óscar están moi fortes"

Ceivar presenta un recurso contra os autos de prisión decretados para os dous independentistas e denunciará na Fiscalía o espido integral ao que foi sometido o menor de idade.

Redacción - 10:00 20/01/2010
Marcha en Vigo, o pasado venres

Marcha en Vigo, o pasado venres

Xurxo R.O. (menor de idade) e Óscar Sanches Blanco, de 24 anos, permanecen en prisión preventiva logo dos autos de encarceramento decretados pola Audiencia Nacional. Os dous mozos, residentes en Vigo e activos militantes independentistas e dos movementos asociativos xuvenís, están acusados dun delito de "depósito de explosivos" que supostamente transportaban nun coche, provocando á súa detención.


Esta é a secuencia dos feitos, elaborada a partir das informacións publicadas polas axencias de noticias e polas achegadas desde o colectivo Ceivar:

Xoves, 14 de xaneiro
Pasadas as 3.00 horas da madrugada Xurxo R.O. e Óscar Sanches son detidos nun control policial na parroquia de Salcedo, á entrada de Pontevedra, concretamente -segundo os datos que se deron a coñecer até o de agora- situado na Avenida de Vigo.

A Policía Nacional aprésaos logo de comprobar que portan "un artefacto explosivo de fabricación caseira" no interior do vehículo, un Peugeot 206, segundo a información que achegan as Forzas de Seguridade ás principais axencias de noticias e que divulgan pouco despois das 13.00 horas.

Após a súa detención, os dous mozos son trasladados a dependencias da Policía Nacional en Pontevedra onde permanecerán 24 horas encerrados até o seu traslado á Audiencia Nacional de Madrid en cumprimento da Lei Antiterrorista que se lles aplica.

Fican recluídos en réxime de incomunicación e contra a tardiña deste xoves finalmente é levantado, malia que a citada lei permite até cinco días de illamento e interrogatorios en dependencias policiais (que pode continuar até os dez en prisión). Ambos os dous solicitan a asistencia letrada dos avogados do colectivo Ceivar.

Á primeira hora desta mesma tarde, o domicilio de Óscar Sanches, en Vigo, é rexistrado e por volta das 18.00 horas faise o mesmo, tamén nesta cidade, no de Xurxo R.O. Nos dous casos, asistidos polo seu avogado, os mozos acompañan os axentes desprazados desde Madrid.

Ceivar inicia unha campaña de información sobre as detencións e convoca para o día seguinte, venres, concentracións en diversas localidades do país.

Venres, 15 de xaneiro

Aproximadamente 24 horas despois de seren apresados, son enviados de madrugada a dependencias policiais en Madrid. Pola mañá pasan a disposición xudicial. Os xuíces especiais da Audiencia Nacional Fernando Andreu, titular do Xulgado Central de Instrución nº 4, e José Luís de Castro, do Xulgado Central de Menores, tómanlles declaración. Impútanlles un "delito de transporte de artefacto incendiario en relación cun de terrorismo", polo que son ingresados en prisión preventiva. Porén, malia o publicado nalgúns medios de comunicación, os maxistrados desbotan o de "integración en banda armada".

A prisión preventiva pode durar até catro anos. Por exemplo, Ugio Caamanho e Giana Rodrigues permaneceron tres anos e tres meses, e Santiago Vigo e José Manuel Sanches un ano e dez meses (Rodrigues, Vigo e Sanches pasaron máis tempo na cadea do que lles correspondía en base a sentenza). Nesta situación está Óscar Sanches. Pola súa banda, contra Xurxo R.O. ditouse un auto de internamento, revisábel aos tres meses, e que se podería converter nun réxime aberto (libre, mais vixiado).

Posteriormente son enviados ao cárcere: Óscar Sanches ao centro penitenciario de Soto del Real, en Madrid, e Xurxo R.O. ao centro de menores de Los Rosales en Carabanchel. Este último, segundo confesou aos seus pais -únicos que o puideron e poden visitar- recibiu un trato "vexatorio" durante o traslado, esposado fortemente nas costas até o punto de causarlle feridas nos pulsos. Permanece desde ese día nunha cela de illamento, á espera de ser trasladado a outra común.

Na Galiza, a partir das 20.00 horas sucédense as concentracións de solidariedade cos detidos. Segundo datos facilitados por Ceivar: En Lugo, na Praza do Campo, participan 10 persoas que repartiron papeis informativos baixo a vixilancia dun coche policial. En Ourense, 15, diante da subdelegación do goberno español durante 45 minutos, tamén con presenza policial que gravou o acto. A d'A Coruña contou con 18, na Praza do Obelisco, e con presenza policial e de medios de comunicación. A concentración máis numerosa produciuse en Vigo. Unhas 120 persoas reuníronse fronte ás instalacións do Marco, avanzaron pola rúa do Príncipe, Porta do Sol e Praza da Vila acompañados por catro furgonetas de axentes antidisturbios. En Pontevedra asistiron 22 á Praza da Peregrina, con importante presenza de medios. En Ferrol foron 13, na Praza Amada García baixo vixilancia de dúas patrullas e media ducia de axentes que identificaron todos os asistentes. E en Compostela, 55 persoas concentráronse na Praza do Toural, camiñaron cara á de Cervantes, con parada de 20 minutos fronte ás instalacións do xornal El Correo Gallego, a onde se desprazou unha unidade de efectivos antidisturbios. Un comunicado foi lido en todas as concentracións.

Sábado, 16 de xaneiro

Pouco antes de recibir a visita dos seus pais ás 18.00 horas no centro de Carabanchel, Xurxo R.O. é, segundo declara, obrigado a se espir completamente. Esta situación vai ser obxecto de denuncia na Fiscalía de menores. Tamén familiares de Óscar Sanches achéganse pola mañá até Madrid para o poder ver.

Luns, 18 de xaneiro
Ceivar organiza asembleas en varias localidades do país onde se estabelecen "calendarios de traballo", segundo informa o voceiro do colectivo Óscar Gomes, que salienta o "alto nivel de mobilización", sobre todo en Vigo. Entre outras, están previstas concentracións e actividades destinadas a recadar cartos que financien o proceso xudicial e as visitas.


Desde Ceivar aseguran que malia as circunstancias "tanto Xurxo como Óscar están moi fortes". No entanto, destacan as condicións dos centros de menores, denunciadas recentemente por Amnistía Internacional, onde o réxime mesmo "é máis restritivo ca nas prisións". Neste senso, condenan "a actitude especialmente represiva a nivel global dos gobernos do PSOE, xa vivida durante a época de Felipe González por exemplo co GAL, e dos que emanaron as medidas represivas máis sangrantes e violadoras dos dereitos humanos".

Por último, Óscar Gomes avanza que ademais do recurso contra o auto de prisión e a denuncia perante a Fiscalía de menores (descoñécese no momento de publicar a noticia se Xurxo R.O. permanece aínda illado), exixirán o traslado dos dous mozos ao lugar máis próximo aos seus domicilios de residencia, "que non é máis que que se cumpra a lei".


3,77/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: