Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Carta de Aminetu Haidar

'Obrigada. A loita continúa'

A activista saharauí, nunha mensaxe de agradecemento e recoñecemento, non esquece os presos políticos saharauís nos cárceres marroquís.

Redacción - 11:30 30/12/2009

Finalmente, rematou a batalla como agardabamos e aportou a nao da solidariedade en territorio da patria saharauí. Durante esta singradura, Aminetu non foi máis que unha persoa solicitante de auxilio, alguén que mans traizoeiras que executaban ordes inxustas arroxaron ao seo do descoñecido, a un mar axitado de ingratitude, insidia e conspiración ou, sinxelamente, onde os sentimentos humanos son rebaixados ao abeiro dos peores instintos animais. Unha muller coma min, esgotada pola tortura das alxubes secretas, polo sadismo dos verdugos e a insolencia de persoas desagradecidas, non tivo outra vía para se enfrontar á vinganza cega que non fose a de empurrar con todas as súas forzas, ou máis ben co que fica delas, para dicir non; non á continuidade da represión dos inocentes, non á confabulación contra os defensores de dereitos humanos saharauís e o seu axuizamento por un tribunal militar; non a que se lles endose a acusación de "intelixencia co inimigo", non a que sexan chimpados entre as paredes dun cárcere e que sufran un letal illamento do resto do mundo; non ao abandono de presos políticos saharauís que morren en silencio nos cárceres marroquís por mor de graves enfermidades crónicas Non e xa abonda! Son máis de 30 anos dunha traxedia que converteu os soños do meu pobo en pesadelos, pesadelos entre a diáspora e o paradoiro descoñecido de centos de desaparecidos.

É verdade que as expresións do meu corpo murcho ondean doenzas, porén cando o avión, comigo expulsada, aterrou no aeroporto de Lanzarote, o meu amor pola vida non me subxugou como para elixir outro vieiro que non fose o vieiro da dignidade e da permanencia na postura e na fidelidade cara a todos aqueles que conservan a lembranza de momentos que nos uniron baixo a tortura, nas celas ou durante os xuízos, momentos desbordantes de nobres significacións humanas que inculcaron en nós os valores da xenerosidade, da cordialidade e da abnegación. E son eses mesmos momentos que, nada máis comunicar a miña entrada en folga de fame indefinida no aeroporto e se formar a plataforma de solidariedade con Aminetu Haidar para apoiar a batalla do retorno, os que quixeron repetirse en imaxes cargadas do novo, do que di que non hai fronteiras capaces de frear o inmenso fluxo de emocións humanas sublimes e belidas que atravesan países e continentes para dignificar, en Aminetu, o home; para dignificar nela a maternidade e os principios e valores dun pobo chamado pobo saharauí. Tan poderosos foron eses momentos cos seus signos e sinais, coa súa calor de morriña e de tenrura materna, que aglutinaron as máis fermosas imaxes con que os dicionarios do mundo definiron o significado da vida. Vós, que me aloxastes no meu refuxio e me acollestes na miña adversidade, déstesme as razóns para a firmeza, fortalecestes en min a esperanza da constancia e en ningún momento sentín que sufría soa. Abrístesme os horizontes dunha nova mirada cara ao significado da humanidade, a humanidade pelexada con toda sorte de necidade e de fanatismo e que non recoñece a relevancia de ningunha especificidade máis que na súa capacidade de beneficiar o patrimonio colectivo dos seres humanos; pois aínda coa diversidade de culturas e de relixións, estas sempre se poderán pór ao servizo da tolerancia, da harmonía e da convivencia entre os pobos. E quen olle o tamaño da alarma mundial que impuxestes a un ritmo constante para lograr a miña vitoriosa volta sen condicións á miña patria, o Sáhara Occidental, descobre que o seu froito plasmado nunha resposta sen parangón é a proba, máis unha vez, de que os pobos que cren na sublimación do ser humano e consagran os valores de xustiza e de dereitos humanos son quen de impor as súas alternativas.

Con ocasión do novo ano 2010 e cos meus mellores parabéns e os meus máis sinceros desexos de felicidade, boa saúde e acougo, diríxome a todos vós un por un, a todo o equipo de solidarios da Plataforma de Solidariedade, do Centro Robert Kennedy de Xustiza e Dereitos Humanos, das Asociacións de Amizade co Pobo Saharauí en Europa, nos Estados Unidos, en África, en Australia, en América Latina e en Asia; ás personalidades premiadas co Premio Nobel da Paz, aos avogados, médicos, artistas e cineastas; aos escritores, profesores e alumnos das universidades; ás organizacións internacionais como Amnistía Internacional, Human Rights Watch e Front Line; ás institucións internacionais como as Nacións Unidas, o Alto Comisionado para os Dereitos Humanos, o Alto Comisionado para os Refuxiados e o Parlamento Europeo; ao Parlamento Español e ao Parlamento Portugués, aos movementos feministas, aos sindicatos e aos partidos políticos e Concellos españois e italianos e doutros países; aos medios de comunicación españois e alxerinos e a todas as plumas libres en todo o mundo que lograron abrir unha luz no veo de escuridade tecido pola grotesca propaganda do Majzén; á comunidade saharauí e de xeito especial á comunidade saharauí de Lanzarote e ao pobo de Lanzarote; a todos vós e a quen esquecín mencionar, polo que me escuso, felicítovos polo éxito da épica batalla do retorno e exprésovos o meu agradecemento e o meu recoñecemento no meu propio nome e no de todo o pobo saharauí que, neste momento, se afaga pola medra do círculo dos seus defensores e a esperanza acompáñao para continuar exercendo máis presión co fin de liberar o grupo dos sete encarcerados na cidade marroquí de Salguei e todos os presos políticos saharauís do resto de cárceres marroquís, así como para descubrir o paradoiro dos desaparecidos saharauís, mentres agarda que se satisfaga a súa exixencia de gozar do seu lexítimo dereito á autodeterminación mediante a organización dun referendo libre, xusto e transparente.

E para rematar, desexo con todo o corazón que o novo ano 2010 sexa un ano de paz e de respecto aos valores humanos así como o ano do triunfo da xustiza internacional.

A defensora de dereitos humanos Aminetu Haidar 


Ligazóns

5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: