A Alianza Bolivariana para los Pueblos de Nuestra América (ALBA), acordou o afortalamento en bloque ante as ameazas imperiais, en declaracións do presidente venezuelano Hugo Chávez, despois de ser tomada a foto oficial nesta oitava cimeira da ALBA.
Entre os desafíos desta VIII Cimeira en La Habana, o presidente venezuelano incluíu o comportamento de Estados Unidos contra Latinoamérica, sinalando que as declaracións da Secretaría de Estado estadounidense, Hillary Clinton, son unha aberta ameaza contra todos os Estados membros da Alba.
O presidente venezuelano Hugo Chávez voltou falar verbo a instalación de sete bases militares estadounidenses en Colombia, o golpe de Estado en Honduras, entre outras accións ofensivas de Estados Unidos. Nas súas breves declaracións, o xefe de Estado venezuelano estivo acompañado polo presidente cubano, Raúl Castro.
Esta fin de semana reuniuse a X Comisión Mixta Cuba-Venezuela, en La Habana, como limiar á VIII Cimeira da Alianza Bolivariana de los Pueblos de Nuestra América (Alba), xuntanza que rematará hoxe, segunda feira, na maior das illas antillanas.
A sexta feira comezaron as actividades previas á Cimeira, mentres as comisións ministeriais de Cuba e Venezuela debatían o avance dos instrumentos de cooperación binacional e as delegacións técnicas dos nove países membros avaliaron os posíbeis novos acordos que se elevarán a nivel presidencial, este 13 e 14 de decembro.
Áreas como deporte, saúde, comercio, ensino, enerxía e comunicacións foron debatidas nos salóns do Palacio de Convenciones, no leste da capital cubana, de cara á afinar os instrumentos de cooperación que serían asinados polos países da Alba.
Para 2010, Cuba e Venezuela investirán 2 mil 107 millóns de euros na execución de 285 proxectos conxuntos, que contemplan as áreas de saúde, ensino, enerxía, tecnoloxía, ambiente, informática, comunicacións, industria farmacéutica, minaría, agricultura, deporte, entre outras.