Anuncian unha campaña para identificar as súas siglas co poder. Na mesma non falta unha clara chiscadela ao "bilingüismo".
O PPdeG anunciou este domingo cal vai ser o lema de cara ás municipais de 2011: “Partido de Goberno”. A cúpula conservadora quere que a cidadanía interiorice a idea de que o partido está feito exclusivamente para gobernar. Afirman que esta vai ser a “filosofía intrínseca” das diferentes seccións locais e provinciais do PPdeG. Con esta estratexia pretenden rendabilizar a maioría absoluta lograda o pasado 1 de marzo e intentar que sexa a locomotora para as eleccións municipais que se celebrarán en maio de 2011.
Os de Feijoo teñen claro que a recuperación de concellos e deputacións é a mellor baza para sentar os alicerces dunha segunda maioría absoluta nos vindeiros comicios autonómicos. Aínda gobernando en 165 dos 315 municipios do país, os populares consideran que o gran cabalo de batalla é abrir vías de auga nos pactos entre socialistas e nacionalistas, que gobernan os consistorios máis grandes do país.
A campaña segue o modelo de visibilizar socialmente un “partido forte e unido” fronte a “bigobernos”, estratexia que consideran que foi decisiva para derrotar ao bipartito na Xunta. A aposta última é a de recuperar, ademais de concellos urbanos, as deputacións da Coruña e Lugo.
Chiscadela bilingüe
No logo que presenta o PPdeG xoga graficamente coa palabra "Goberno" situando un punto enriba do e maiúsculo para que poida haber unha lectura dobre: "Partido de Goberno / Partido de Gobierno".