Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POR ATENTADO CONTRA O HONOR

A xustiza cita á secretaria xeral de Familia e Benestar polas acusacións de enchufismo nas oficinas de I+B

Susana López Abella terá que acudir a un acto de conciliación logo de que 13 traballadoras decidiran denunciala por difamación.

Redacción - 12:55 05/12/2009
Tags: denuncia I+B

Aínda que o Goberno mantén a súa intención de suprimir as oficinas de Igualdade e Benestar a final de ano, o pulso cos traballadores vai manterse no tempo por vía xudicial. Un xulgado de Compostela citou para o vindeiro 8 de febreiro á secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, para un acto previo de conciliación con trece traballadoras que están decididas a denunciala por “atentando contra o dereito ao honor”.

A denuncia contra López Abella débese a unha súa intervención no Parlamento o pasado mes de outubro.  A secretaria xeral asegurou no Pazo do Hórreo que o persoal das oficinas comarcais de Igualdade e Benestar fora contratado “a dedo”, sen ningún tipo de proceso selectivo e que estas entidades eran “axencias de colocación de militantes do BNG”. As palabras da alto cargo xeraron unha forte polémica xa que os traballadores demostraron a existencia de concursos públicos para cubrir as devanditas prazas.

As traballadoras denunciantes exixen que López Abella rectifique en comisión parlamentaria as súas palabras e que estas se recollan nos medios de comunicación do mesmo xeito que cando se produciron as acusacións. Esta denuncia particular súmase á que tamén anunciou no seu día a CIG contra a secretaria xeral polo mesmo motivo. Os técnicos de oficinas I+B acusan ao Goberno e ao PPdeG de desacreditalos publicamente para xustificar politicamente a supresión de 61 postos de traballo.

Máis mobilizacións no Consorcio

Mentres tanto, a CIG anunciou a convocatoria de folga en centros do Consorcio de Igualdade e Benestar para os vindeiros días 17 de decembro e 19 de xaneiro. O sindicato demanda que se manteñan todos os postos de traballo, o carácter público da entidade e o cumprimento do convenio.


4,56/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: