Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ILP a debate a semana que vén

Suprimirase o plus de altos cargos? Nin si, nin non, nin todo o contrario

O PSdeG avanza que votará en contra da ILP mentres o BNG afirma que apoiará a eliminación do plus. Mais o PPdeG asegura que non decidiu aínda.

Redacción - 18:00 01/12/2009

Previsibelmente, a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) promovida pola CIG contra o plus de altos cargos baterá a vindeira semana cunha maioría parlamentaria en contra. Así o parece á luz das últimas declaracións dos voceiros dos respectivos grupos parlamentarios, xa que só o BNG confirmou que apoiará esta ILP.

Desde o grupo na Cámara do PSdeG aclaraban este mesmo martes a súa posición contraria. "Nós dixemos que nos manifestabamos a favor de que se levase ao pleno", sinalaba o voceiro do grupo socialista, Xaquín Fernández Leiceaga. "Pero unha vez que vaia ao pleno, votaremos en contra porque non cremos que se deba reformar, xa que é unha lei aprobada por todos os grupos", argumentou Fernández Leiceaga.

Mentres, desde o PPdeG, o portavoz popular Manuel Ruíz Rivas xogaba a manter a incerteza sobre a cuestión, indicando que o seu partido expresará a súa opinión "cando chegue o momento". "O que me sorprende é que sempre levan unha sorpresa", afirmaba Ruíz Rivas, recordando a proposición sobre a lei de caixas deseñada polo Bloque e apoiada finalmente polo PP. Así, e sen aclarar o sentido do voto do seu grupo, Rivas aseguraba que analizarían a cuestión "con racionalidade e cordura".

Improbábel éxito dunha ILP de longa traxectoria
En ocasións anteriores, o portavoz popular subliñou, no mesmo sentido en que argumentan os socialistas, que se trata dunha decisión inserida nunha lei aprobada anteriormente por unanimidade na Cámara. De feito, o propio complemento salarial dos altos cargos é froito dunha emenda introducida no seu día polo grupo do PP na lei de función pública impulsada polo bipartito. Antecedentes que farían predicir que, malia as reiteradas apelacións á "austeridade", haberá unha maioría en contra da ILP.

O plus de altos cargos aprobouse en xullo de 2007 co apoio de todos os parlamentarios. Porén, o BNG recoñeceu poucos días despois que fora un erro sacar adiante a iniciativa, o que lle supuxo un enfrontamento co PSdeG e co PPdeG. Meses despois a CIG iniciaba unha recollida de sinaturas que en pouco tempo sumaba arredor de 20 mil apoios. Neste tempo, e logo dunha mobilización iniciada cun artigo publicado en Vieiros por Encarna Otero, daquela directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, só o BNG lle solicitou aos seus militantes que renunciasen a este plus de altos cargos. En calquera caso, non é posíbel saber polo miúdo o nome de quen o está a cobrar xa que a Xunta négase a facilitar os datos xustificando que a lei de transparencia aplícase aos altos cargos cando están no poder pero non cando xa o deixaron e non teñen responsabilidades políticas.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: