Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO PARLAMENTO

O PP desbota impulsar a oferta das cooperativas para a planta de Pascual

Rexeita unha proposición non de lei do PSdeG que pedía a adopción de medidas para que a fábrica de Outeiro de Rei fose adquirida polo grupo liderado por Feiraco.

Redacción - 18:30 25/11/2009
A deputada socialista entende que "Pascual ten noiva e quere casar (coas cooperativas) mais semella que lle están preparando outro casamento"

A deputada socialista entende que "Pascual ten noiva e quere casar (coas cooperativas) mais semella que lle están preparando outro casamento"

"Pascual ten noiva e quere casar (coas cooperativas) mais semella que lle están preparando outro casamento" dixo Sonia Verdes (PSdeG) no debate do Parlamento. O seu grupo presentou unha proposición non de lei, que foi apoiada polo BNG, na que pedía á Xunta a adopción das medidas necesarias para impulsar a adquisición por parte das cooperativas galegas lideradas por Feiraco da planta de Pascual situada en Outeiro de Rei.

Porén, o PP valeuse da súa maioría parlamentaria para rexeitar a iniciativa, que solicitaba tamén a participación económica e a implicación política da Consellaría de Medio Rural para crear un gran grupo lácteo, que garantiría a actividade da planta, mais tamén o mantemento dos empregos e a recollida de leite aos produtores. Dende os partidos da oposición apuntaron ao posíbel apoio do Goberno a outros proxectos como o de Nova Rumasa ou A Arzuana, unha alternativa que consideran "impensábel, se non é atendendo a un criterio partidista".

Feiraco cre que as cousas "están ben encamiñadas"
O presidente de Feiraco, que lidera o grupo de empresas que opta á propiedade da fábrica, Xosé Anotnio Casais asegurou que "as cousas están ben encamiñadas" para facerse co control da fábrica de Outeiro de Rei. Se ben non quixo facer valoracións sobre as declaracións do conselleiro de Medio Rural ao respecto, expresou a súa confianza en que "todo evolucione positivamente". Así, adiantou que nos vindeiros días "poderemos ter boas noticias" se ben preferiu "manter un pouco a discreción e evitar declaracións que se poidan prestar a malas interpretacións".


4,8/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: