"Calquera decisión vai ter graves repercusións no emprego", avisan desde o sindicato, que este xoves organizou unha mobilización.
Medio cento de delegados de CIG concentráronse este xoves ante as dependencias da Consellaría de Facenda para reclamarlle á titular deste departamento, Marta Fernández Currás, que os reciba para tratar a hipotética fusión das caixas, á que a central sindical se opón. Ademais, alertaron de que unha integración cunha entidade de fóra de Galiza "duplicará" o número de empregos que se destrúan, que ascenderán en tal caso a 3.000, segundo as súas estimacións.
Os representantes do sindicato reuníronse durante a mañá tras unha pancarta na que reclamaban un "plan de futuro negociado para as caixas de aforro". O secretario da Federación de Banca de CIG, Clodomiro Montero, advertiu de que esta é a primeira protesta dun "proceso de mobilizacións que non cesará" ata que os traballadores teñan "garantías" de que non se destruirá emprego, non se perderá a galeguidade nin o carácter social das caixas e que estas "non van ser toradas para vendelas aos bancos".
Montero reprochou que, malia que está solicitada unha reunión con Fernández Currás, a conselleira "non tivo a ben sequera contestar". "Estamos aquí porque se está a debater o futuro das caixas de aforro galegas e calquera plan de futuro debe ser negociado coa representación sindical, dado que calquera decisión vai ter graves repercusións no emprego", argumentou. Pola súa banda, fontes da Consellería de Facenda afirmaron que non consta unha solicitude formal previa de reunión e defenderon que este departamento mantén "un diálogo fluído e constante cos sindicatos" e que, cando recibe unha petición, dá unha resposta.
Os postos de traballo, proseguiu o responsable sindical, "teñen que estar enriba da mesa dende un primeiro momento" e criticou que se estea a discutir "simplemente a repartición de poder". "Son 7 mil postos de traballo directos en Galiza, aos que hai que engadir os postos indirectos nas empresas auxiliares e de servizos", subliñou. Así, o responsable do sector da banca na CIG reiterou que unha fusión entre Caixa Galicia e Caixanova destruiría 1.500 empregos, estima que con prexubilacións se poderían cubrir en torno a 1.000 destas baixas, pero unha operación similar con entidades de fóra de Galiza "levaría a duplicar ese custo", que se elevaría a 3.000 postos de traballo.