Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AUTOGOBERNO

Axentes adscritos si, a Policía Galega non é prioritaria

Galiza segue a atrasar a creación dun modelo propio como o que Euskadi e Cataluña puxeron a andar hai máis de 25 anos.

Redacción - 18:30 11/11/2009
Uniforme dos axentes adscritos

Uniforme dos axentes adscritos

O PPdeG volveu demostrar que non ten demasiado interese en que Galiza conte cun corpo policial autóctono como si ocorre en Euskadi e Cataluña. Tal e como anunciara xa hai meses o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, a maioría absoluta do PPdeG volveu servir de freo a unha iniciativa parlamentaria neste sentido.  A proposición non de lei do BNG, que si tivo o apoio do PSdeG, pedíalle ao Goberno unha estratexia clara de negociación co goberno español para que a finais do ano vindeiro comezasen a estar na rúa os primeiros axentes autonómicos. O nacionalista Alfredo Suárez Canal lembrou que o bipartito avanzara moito o modelo policial que, incluso, conta xa cun marco normativo.

O deputado conservador Antonio Rodríguez Miranda volveu asegurar que non era o momento xa que primeiro cómpre consolidar a unidade adscrita á Xunta (axentes que a Policía Nacional española lle cede por convenio á administración autonómica). Aínda que o PPdeG insiste en que é partidario de avanzar nun modelo policial diferente ao actual, xa advirte que non é unha cuestión prioritaria. Para o nacionalista Suárez Canal o posicionamento dos populares só ten unha explicación: “non teñen o mínimo interese en avanzar no autogoberno”.

Mentres Euskadi e Cataluña teñen un sistema propio consolidado, Galiza insiste nun subalterno

A situación dos corpos policiais autonómicos vasco e catalán está a anos luz do caso galego. En Euskadi a Ertzaintza (que botou a andar en 1982) conta na actualidade con perto de 9 mil axentes e unha presenza normalizada en todas as cidades e comarcas rurais.

Aprobado en 1983, os Mossos d'Esquadra tiveron un despregamento moito máis lento en Cataluña. De feito non foi até medidados da década dos 90 cando os axentes autóctonos comezaron a substituír as forzas de seguridade estatais. A día de hoxe, os 14 mil mossos son o corpo policial  que se encarga da orde pública, a seguridade ciudadá e o tráfico.

Mentres que as denominadas “nacionalidades históricas” daban pasos de xigante no seu modelo policial, o goberno Fraga apostou en 1991 por unha Unidade Adscrita da Policía Nacional ao servizo da Xunta (o Ministerio de Interior cedía 300 axentes). O partiular modelo galego foi posteriormente copiado por Andalucía, Asturias, Aragón e Valencia.

Na pasada lexislatura, o bipartito comprometérase a que a finais deste mesmo ano saírían as primeiras promocións de axentes propios. Nos plans do anterior goberno había unha data clave: 2015. Nese ano contaban con ter catro mil axentes despregados por diferentes comarcas do país.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A Ertzaintza foi creada en 1982 e conta con nove mil axentes na actualidade
A Ertzaintza foi creada en 1982 e conta con nove mil axentes na actualidade
O despregamento en 2008 dos axentes cataláns na cidade de Barcelona completou a presenza dos mossos en todo o territorio
O despregamento en 2008 dos axentes cataláns na cidade de Barcelona completou a presenza dos mossos en todo o territorio