Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
O Trasno

A comunidade pendente

Atérrame a imaxe dos pais dun neno con obesidade mórbida que a Administración quere tutelar, rodeados de cincuenta cámaras, convertidos en protagonistas de españa directo, dos diarios de patricias e plebeas, dos corazón corazón e fígado a mogollón. Minutos de gloria infausta. Pasto das feras. 

Daniel López Muñoz - 18:12 08/11/2009

As feras somos todas. Deberiamos estar caladiños, e a prensa máis. Porque nestas cousas pasa como coa guerra dos Balcáns. Mentres nos relatan e describen os crimes, case que en directo, érguense miles de voces reclamando unha intervención. Pero cando se produce a intervención, todos temos máis que dicir.

   Intervir é sempre unha irrupción, unha agresión, un mal. Por iso cómpre saber ben se ese mal é o mal menor, se é proporcionado ao ben que se quere preservar. E quen ten eses datos todos? O falar non ten cancelas. De física saben os físicos, pero no social e na xustiza, todo o mundo é doutor. Poderiamos, para variar, dar unha oportunidade aos técnicos de menores, aos servizos sociais e a fiscalía.

   O caso dá que pensar, certamente, cando se pon en relación con tantos outros nos que non se fai nada: abandono, maltrato de nenos aos pais, alcoholismo precoz. Pero xeralizar unha intervención que afaste os nenos dos pais é o contrario do que recomendan todos os expertos. E, ademais de indesexable, é carísimo.

O que hai que reforzar é  o capital humano, as redes de atención na proximidade, os equipos de servizos e educación social baixo responsabilidade pública, con moita fecundación e complementariedade das organizacións solidarias, da veciñanza perdida, da escola dimisionaria, da sanidade ausente, da comunidade pendente.

   A perda da solidariedade espontánea, cultural, comunitaria, rompe os vínculos, mete a xente no seu, mentres os nenos e nenas son titorizados pola “play”, educados polos anuncios e nutridos polos donuts e chuches. Hai moito que refacer e compensar con tanto rapaz abandonado no capricho. Por iso que, pode alguén crer que o novo goberno galego pense en serio en enfraquecer ou desmantelar a  rede de persoas que, repartidas por Galicia, están tratando de que aprobemos esa materia pendente da prevención e o traballo socio-educativo no medio da xente, nas famosas oficinas do Consorcio Galego de Servizos Sociais? A que non?


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: