Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MALESTAR COA SECRETARÍA DE EMIGRACIÓN

Os colectivos galegos de Suíza tildan as axudas da Xunta de "caridade burócrata"

Oito asociacións históricas que agrupan a numerosos emigrantes no país helvético envíanlle unha carta a Feijoo para protestar polo trato que reciben.

Redacción - 13:30 02/11/2009

Diferentes centros galegos de Suíza veñen de acordar un manifesto para protestar contra as novas políticas da Secretaría Xeral de Emigración. Os colectivos de emigrantes no país helvético censuran a “reducción drástica das subvencións en 2009” que deixa en “papel mollado” as promesas electorais. No documento sublíñase que estes centros están comprometidos á hora de colaborar coas institucións galegas e que teñen un longo percorrido na defensa da identidade, da lingua e da cultura do país.

“Despois de tantos anos de dura e laboriosa existencia non precisamos de desatentas esmolas administrativas. Demandamos un trato e axudas dignas e acordes coa nosas realidade”, subliñan no escrito. A continuación critican que as últimas axudas “aseméllanse máis a unha caridade burócrata que a unha axuda ou subvención concorde coas necesidades da emigración”.

O documento está asinado por responsábeis de históricas e representativas asociacións galegas en Suíza: Sociedade A Nosa Galiza de Xenebra; Sociedade Galega Sementeira de Basilea; Centro Galego A Nosa Terra de Zug; Promoción da Cultura Galega de Lausanne; Centro Galicia de Olten; Irmandande Galega na Suíza de Xenebra; Centro Galego de Lucerna; e Promoción da Cultura Galega de Zúric. O manifesto foi acordado este domingo nunha xuntanza celebrada en Lausanne. O mesmo foi remitido este mesmo luns ao presidente da Xunta, ao secretario xeral de Emigración e aos tres grupos con presenza no Parlamento.

Manifesto íntegro:

Hoxe, domingo 1 de Novembro de 2009, unha comisión dos abaixo firmantes centros galegos da emigración galega en Suíza (actualmente un dos países con máis emigrantes galegos) reuniuse en Lausanne para elevar cunha sola voz a súa protesta ante a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia (SXEXG) e ante o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo.

Os centros galegos de Suíza abaixo firmantes elevamos con firmeza a nosa queixa conxunta para mostrar o noso desacordo coa política de reducción drástica das subvencións 2009 concedidas pola SXRCG, que consideramos como unha maniobra estratéxica por parte de SXRCG e do goberno actual da Xunta de Galicia para rebaixar a importancia, necesidades e méritos da emigración galega en Suíza.

Asumimos esta protesta como un acto de dignidade emigrante, de desacordo e de rexeito á atitude da política actual de subvencións e axudas da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia. Promesas electorais que quedan en promesas de papel mollado como unha negra sombra persistente da dura realidade emigrante que nos tocou vivir. No alleo, en países que nos acolleron e nos ofreceron como emigrantes unha oportunidade que nos foi negada no noso propio país.

Co noso debido respeto ás institucións do goberno da nosa Terra elexido democráticamente erguemos a nosa voz, pregoamos a nosa cantiga. Queremosdeixarnos sentir. Queremos deixar claro o noso compromiso e carácter dialogante e de cooperación coas institucións do noso goberno, asì? como a nosa obrigación e compromiso coa voz e sentir da diáspora para defender a nosa identidade e lingua e cultura galegas. Para defender a nosa razón de ser.

Despois de tantos anos de dura e laboriosa existencia non precisamos de desatentas esmolas administrativas. Demandamos un trato e axudas dignas e acordes coa nosa realidade por parte da SXEXG. Lamentamos e consideramos un desaire irreflexivo o tratamento por parte da SXEXG cos centros galegos de Suíza que se asemella máis a unha caridade burócrata que a unha axuda ou subvención concorde coas necesidades da emigración.

Como emigrantes queremos entoar afinada a nosa voz común, reafirmada como un canto, como un asubío de melro, como un himno de fraternidade e de voz da diáspora, pero utilizando un tono e intencións máis concordes cunha cantiga de escarnio e de maldicer que cunha cantiga de amigo. Que cante o melro mil primaveras máis. Namoro de gaita fina: que cante, que poida cantar e que poidamos escoitalo cantar con respeto e dignidade.

Asinado:
Sociedade A Nosa Galiza de Xenebra, Sociedade Galega Sementeira de Basilea, Centro Galego A Nosa Terra de Zug, Promoción da Cultura Galega de Lausanne, Centro Galicia de Olten, Irmandade Galega Na Suíza de Xenebra, Centro Galego de Lucerna, Promoción da Cultura Galega de Zurich.


4,94/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Feijoo visitou os emigrantes que están en Suíza poucas semanas antes das elección de marzo
Feijoo visitou os emigrantes que están en Suíza poucas semanas antes das elección de marzo
Representantes dos colectivos que asinaron o manifesto en Lausanne
Representantes dos colectivos que asinaron o manifesto en Lausanne
Santiago Camba, secretario xeral de Emigración
Santiago Camba, secretario xeral de Emigración