Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OS COMITÉS DE EMPRESA ALERTAN E A XUNTA NON ACLARA

Parte dos equipos de Igualdade e Benestar non aparecen orzamentados

Piden que a secretaria xeral López Abella rectifique publicamente as acusacións de “enchufismo” ou que a conselleira proceda ao seu cesamento.

Redacción - 14:00 28/10/2009

Tal e como publicaba Vieiros o pasado luns, o malestar e a inquedanza dos traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, especialmente dos 104 que traballan nas oficinas comarcais I+B, é máxima. Dous son os cabalos de batalla, por un lado unhas declaracións da secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, que tildou os traballadores de “enchufados” e por outro a posibilidade de que o Goberno comece a desmantelar equipos comarcais a final de ano.

As presidentas dos comités provinciais do Consorcio (todas da Confederación Intersindical Galegal) protagonizaron este mércores unha conferencia de prensa na que estiveron acompañadas por Anxo Louzao, dirixente da CIG-Ensino. Na mesma, as traballadoras exixiron a rectificación inmediata de López Abella. Como mostra das mentiras (recollidas por múltiples medios) sobre a inexistencia de procesos públicos de selección, as representantes sindicais amosáronlle aos xornalistas as copias dos diarios oficiais onde se recollían os concursos de emprego.

Dende os comités de empresa aseguran que están fartos de ser obxecto dunha “guerra política” na que son continuamente desacreditados e nos que sempre se pon en dúbida o seu xeito de acceso ao posto laboral. Por iso, anunciaron que esta mesma semana van celebrar unha asemblea para ver que pasos dar. Dende a CIG non quixeron desvelar se van a denunciar xudicialmente a López Abella en caso de que non rectifique e limitáronse a pedirlle á conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, que proceda ao seu cesamento por difamación. Porén, segundo puido saber Vieiros, a intención dos propios traballadores e forzar unha demanda xudicial en caso de que a secretaria xeral non recoñeza que houbo procesos de selección limpos.

Os plans de Familia e Igualdade na picota

Dos 104 traballadores de oficinas I+B os comités denuncian que hai 30 traballadores en especial perigo: os do Plan Galego de Igualdade (18) e os do Plan de Apoio ás Familias (12). Os sindicatos aseguran que ningún destes dous plans aparecen presupostados para 2010 (dende a Xunta nin confirman nin desminten). Tampouco estaría demasida clara a continuidade do persoal do Plan de Infancia e Adolescencia (17).

Os traballadores comarcais de Familia e Igualdade comezaron a traballar en 2008, logo dunha oposición que se desenvolveu en 2007. Os de Infancia e Adolescencia foron contratados a través das listaxes públicas de agarda (as mesmas que se seguen empregando agora para contratos temporais).

Máis asegurado, a curto prazo, semella o futuro dos traballadores das oficinas comarcais. A razón é que os programas de Inclusión (57 persoas) contan con fondos da Unión Europea, que se perderían se o Goberno elimina estes programas antes de 2013.


4.35/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: