Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Orzamento de Presidencia

Feijoo non conxela o seu soldo por un "erro informático"

O documento indica unha suba de 256 euros. O presidente da Xunta asegura que "xa está solucionado".

Redacción - 10:15 23/10/2009

O secretario xeral de Presidencia, Valeriano Martínez, deu conta en comisión parlamentaria dos Orzamentos para 2010 relativos a ese departamento. O voceiro do BNG, Alfredo Suárez Canal, criticou que non fose Alberto Núñez Feijoo o que presentase eses datos, ao tempo que considerou "simbólico" e "paradigmático" que as áreas adscritas a Presidencia teñan "máis gastos fóra ca dentro", en referencia a que destinan máis a gastos correntes ca a investimento real.

Ademais, Suárez Canal salientou que "o único alto cargo" que non conxelou o seu soldo foi Alberto Núñez Feijoo. "Quero pensar que será un erro, pero os demais altos cargos poden ter a mosca detrás da orella", ironizou, ao tempo que precisou que o soldo do presidente aumentou "en 256 euros".

Pola súa banda, a deputada do PSdeG Laura Seara tamén denunciou a "non contención" do gasto de persoal e a existencia de "menos recursos para a xente", tras evidenciar que a política social "baixa por primeira vez". "Feijoo só é austero en explicacións", asegurou, en alusión ao caso Gürtel e á polémica sobre a sede do partido.

Así, recriminou a eliminación da Secretaría Xeral de Cooperación e asegurou que a Xunta agora conta con "55 asesores" e "non con 12, como figura na web". "Algún cobra máis ca un secretario xeral", sinalou.

En canto ao soldo de Feijoo, Valeriano Martínez asegurou que se trataba "dun erro material" e asegurou que "ninguén cobra nin un euro máis có presidente", aínda que defendeu os complementos por ser un sistema "taxado" na función pública, para que non constitúa un "demérito".

Inxección de cartos para a TDT
No seu repaso aos orzamentos, Martínez salientou que as partidas asignadas garanten o despregamento "total" da televisión dixital terrestre no mes de abril, data prevista para o apagón analóxico. De feito, a Secretaría Xeral de Medios recibirá 131 dos 254 millóns de euros destinados ás seis secretarías que dependen da Presidencia da Xunta.

Por detrás, séguelle a de Modernización e Innovación Tecnolóxica, con 46 millóns de euros; a de Deporte, con 34 millóns; Emigración, con 18,7; Igualdade, con 15, e Presidencia, con 4,7. A Asesoría Xurídica Xeral contará con 2,7 millóns de euros.

Puntualización de Núñez Feijoo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, puntualizou este venres que o feito de que o seu soldo sexa o único que non aparece conxelado nos Orzamentos é por "un erro informático" e afirmou que "xa está solucionado".

"Sorprende que este erro informático, de todos os altos cargos da Xunta, lle vaia tocar ao presidente", indicou Feijoo en resposta á suba salarial de 256 euros mensuais que reflicten os Orzamentos e que denunciou no Parlamento o nacionalista Alfredo Suárez Canal. Porén, Núñez Feijoo asegurou que o erro "xa está solucionado" e confirmou que "o presidente da Xunta non cobrará nin un euro máis. Até aí podiamos chegar".


3,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: