Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Logo dos casos de Silleda e Láncara

As últimas leas municipais levan o transfuguismo ao debate parlamentario

O PSdeG defende no pleno que os tránsfugas non concorran nas listas dos partidos que asinan o pacto.

Redacción - 12:15 13/10/2009

Pobra de Trives, Calvos de Randín, Mos, Abegondo, Gondomar... A lista de viraxes no poder municipal, cos casos máis recentes de Silleda e Láncara, estará semana ao debate parlamentario. Á mesa chega unha proposición non de lei urxente, da man do PSdeG, a prol de compromisos das forzas políticas en relación co "transfuguismo político".

"A vontade dos cidadáns a través do seu voto é o elemento esencial dun réxime democrático; esa vontade non debe burlarse so pena de corroer insidiosamente as bases mesmas do noso réxime político", recolle a proposta, reprochando as mocións de censura que usan electos que, "traizoando ao seu grupo de orixe e nunha mostra de deslealdade política, apoian unha maioría gobernante alternativa".

Remítense os socialistas ao "Acordo sobre un código de conduta política en relación co transfuguismo nas corporacións locais", de 1998, con addendas de 2000 e 2006, e que serviu para realizar algunhas reformas lexislativas significativas e, sobre todo, fomentar unha cultura política que "recolle o carácter inadmisíbel de tal comportamento, reducindo a frecuencia de tal práctica". "Para erradicar o transfuguismo da vida política, para non lexitimar o transfuguismo como fórmula válida para acceder ao poder, fai falla seguir blindando este gran acordo entre as forzas políticas democráticas", insta a proposición que debaterán os parlamentarios. De xeito concreto, reclámase que os tránsfugas ou os que se beneficien dunha moción de censura co seu apoio "non formen parte das listas dos partidos que asinan o Pacto Antitransfuguismo.

Outros temas: Medidas tributarias, lumes ou Culturgal
O pleno parlamentario levará tamén ao debate na Cámara a lei de medidas tributarias ao respecto da rebaixa de impostos na compra dunha vivenda aos menores de 36 anos. O proxecto sairá adiante no cos votos do PPdeG, e fronte a el, o BNG propón diversas emendas en favor de "darlle progresividade" á normativa.

Desta forma, a sesión debaterá e votará de forma definitiva o proxecto de lei de medidas tributarias relativas ao imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados para o fomento do acceso á vivenda, algo que, en palabras do voceiro do grupo do PPdeG, se "contrapón" coas políticas do goberno español. Os populares defenden que este "importante" proxecto de lei "beneficiará as familias numerosas". "Hai quen sobe os impostos e se dedican a encarecer a compra e outros rebáixanos", argumenta o grupo parlamentario do PPdeG. En contraposición, os nacionalistas poñen de manifesto que unha muller de 36 anos, separada e cun fillo, que gañe mil euros ao mes, non terá un desconto para adquirir unha vivenda de 190 mil euros. Por iso, manterán as emendas, que van encamiñadas a dar progresividade á norma e a limitar a rebaixa en función da renda percibida e do custo da vivenda, xa que, xulgan diferente a compra dun piso que a dun pazo.

Ademais do debate desta normativa, o primeiro texto legal que se aproba na lexislatura sen ser por trámite de urxencia, comparecerán no pleno o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, para explicar o Plan MOVE; e o titular de Medio Rural, Samuel Juárez, para informar do balance da campaña de incendios. Na sesión tamén se debaterán proposicións non de lei relativas á fábrica de Pascual en Outeiro de Rei, sobre as escolas de idiomas, a situación do mapa educativo da formación profesional ou sobre a necesidade dun pacto sobre o territorio para desenvolver a lei do solo. Ademais, os nacionalistas interpelarán o Goberno sobre as liberdades de uso da lingua galega ante o que Aymerich denominou, ironicamente, "gripe La" do PPdeG; mentres que os socialistas farán o propio acerca da "paralización ou anulación" da licitación da obra pública e sobre a sentenza que "afecta" a directora xeral de Traballo sobre un despedimento improcedente.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, deberá responder sobre a situación dos servizos básicos en Galiza e acerca da evolución do desemprego. A maiores, os grupos preguntarán, na sesión de control ao Goberno, sobre o plan de rutas de aeroportos, os prazos relativos á Lei de Dependencia, a suspensión de subvencións á feira Culturgal ou a reorganización das delegacións da Xunta.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: