Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Canadá

Un estudo asegura que a vacina da gripe común aumenta o risco de sufrir a gripe A

Varias provincias suspenderon as vacinacións para menores de 65 anos até o mes de xaneiro.

Redacción - 18:00 05/10/2009

Un polémico estudo canadense asegura que as persoas vacinadas de gripe estacional son o dobre de propensas a contraer a gripe A. O informe, distribuído para a súa revisión a semana pasada, xa convenceu varios gobernos provinciais de Canadá a suspender as campañas de vacinación. Tamén provocou que a cidadanía comezase a desconfiar das decisións das autoridades sanitarias.

A última provincia en sumarse á suspensión foi Québec, que anunciou esta fin de semana que pospoñerá as vacinacións de gripe estacional para menores de 65 anos até xaneiro e se centrará no outono nas vacinacións de gripe A.

Polo momento, o estudo só acadou difusión en Canadá, polo que outros gobernos aínda non tomaron decisións semellantes con respecto á campaña de vacinacións. Ademais, a investigación está en proceso de revisión, aínda que se espera que os datos definitivos se dean a coñecer en cuestión de días, segundo informa The Globe and Mail.

Pero todo parece indicar que o estudo é fiábel. Segundo un voceiro do Centro para o Control de Enfermidades da Columbia Británica, entre os autores hai investigadores "excelentes e críbeis", e a mostra inclúe 12 a 13 millóns de persoas.

A pesar da alarma espertada, as persoas maiores de 65 anos seguirán vacinándose, pois considéranse máis propensas a sufriren os síntomas da gripe estacional severa. Ademais, parece ser que dispoñen de anticorpos dun antepasado do virus H1N1 que se propagou en 1957.

O mecanismo polo que a vacina da gripe estacional inflúe negativamente nas defensas contra a gripe A aínda non se explicou.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: