Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Eleccións provinciais no PSdeG

Pose incorpora o deputado Luís Piña na secretaría de Organización e a alcaldesa de Silleda na de Territorio

A lista de Modesto Pose, que conseguiu o 82% dos votos, leva á vicesecretaría xeral pontevedresa a Anxo Rivas, man dereita de Abel Caballero, e pon a Abel Losada en Política Institucional.

Redacción / Europa Press - 10:00 04/10/2009





O secretario provincial do PSdeG en Pontevedra, Modesto Pose, quen logrou o 81,3% dos apoios dos delegados para unha executiva composta por 25 persoas, incluíu cinco que proceden da agrupación local de Vigo e outras tres de Pontevedra. Pola súa banda, a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, foi incluída no número tres coa Secretaría de Territorio e Infraestruturas. Tanto esta executiva como a Comisión de Control Económico contaron con 21 votos en branco e un nulo, que concordan cos 22 votos en branco que recibiu a candidatura de Modesto Pose.

En calquera caso, a representación da cidade olívica comeza co vicesecretario xeral, Anxo Rivas, tamén secretario de Organización do PSOE vigués e man dereita do rexedor local, Abel Caballero. Tres postos máis abaixo, na Secretaría de Estudios e Programas, está a presidenta de Tragsa en Vigo, María Luisa Graña; e, un posto por debaixo, o deputado autonómico Abel Losada sitúase á fronte da Secretaría de Política Institucional. Modesta Regueira e Patricia Rodríguez Calviño, en senllas vocalías, completan o núcleo vigués.

Pola súa banda, o deputado no Congreso Luis Antonio Gómez Piña -natural d'A Cañiza- encargarase da Organización na Executiva provincial; mentres que o director xeral de Recursos Humanos do Concello de Pontevedra, Xosé Manuel Civeira Moure, se encargará da Política Municipal. Noutros cargos, o alcalde de Marín, Francisco Veiga, ocupará a Secretaría de Economía Sostible e Emprego; e a ex deputada Carmen Cajide, que quedou fóra da lista ao perder o PSdeG un escano por Pontevedra, dirixirá a área de Igualdade. O resto das secretarías -- oito dun total de 17 -- repártense entre Moaña, Vilagarcía, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Lalín, O Grove, Redondela e Pontevedra; mentres que as vocalías restantes -- seis de oito -- irán a Tui, Baiona, Pontevedra, Pazos de Borbén, Ponteareas e A Estrada.

"Xente preparada"
Unha vez aprobada a executiva, Modesto Pose volveu intervir para, en primeiro lugar, lanzar unha mensaxe de apoio aos mariñeiros do 'Alakrana', o atuneiro vasco secuestrado por piratas no que se atopan oito mariñeiros galegos. Tras isto, destacou que o seu equipo de traballo está formado por "xente nova, preparada, cualificada e con ilusión e ganas de traballar". "Podía haber dous ou tres listas como estas, por iso agradezo a xenerosidade dos compañeiros que quedaron fóra", valorou.

Chegado o momento de traballar, instou a "todos os edís e cargos institucionais" a "envorcarse no principal problema que ten a sociedade, a crise". "Hai que pensar en como xerar emprego e axudar aos emprendedores e familias", sinalou, tras criticar que "agora" o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, "anuncia un plan contra a crise". "A boas horas, mangas verdes,", reprochou. Tamén criticou que este plan conta cunha reserva do 20% para que a propia institución provincial decida o que quere facer. "No caso de Louzán, campos de herba sintética e tanatorios,", ironizou, ao tempo que xulgou que "non parece que sexa a prioridade".

En todo caso, Pose avanzou que a súa oposición será "sensata" e "sen ofender a ninguén", posto que a "loita" é contra as "ideas trasnoitadas" e non contra "as persoas". Neste punto, xustificou o "non poder estar calado" ante o peche dos quirófanos polas tardes, a paralización da ampliación do Hospital pontevedrés de Montecelo e os recortes de prestacións tamén no ámbito educativo.

A maiores, en presenza do vicesecretario xeral do PSOE e ministro de Fomento, Xosé Blanco, apostou porque os socialistas galegos "expliquen aos militantes" a política do goberno español. "Temos que explicar as verdadeiras razóns", insistiu, ao tempo que convocou os 500 militantes presentes a "gañar o futuro". "Temos que baleirarnos de cara ás próximas municipais, que en Pontevedra, as vai gañar o PSOE," proclamou o elixido secretario provincial do PSdeG, a xeito de conclusión.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: