Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
ELECCIÓNS EN PORTUGAL

Sócrates: despois do tempo de viño e rosas, toca viaxar á esquerda

A interminábel crise económica pasoulle factura aos PS que, pese a ser a forza máis votada, cede a absoluta e parece obrigado a falar co BE e co PCP.

R.Vilar - 01:05 28/09/2009

En 2005 o Partido Socialista de Portugal atopábase coa primeira maioría absoluta da súa historia. José Sócrates convertíase en primeiro ministro logo de obter o 45% dos votos e deixar ao PSD(centro-dereita) a máis de 16 puntos de distancia. Os portugueses querían pasar páxina logo dunha lexislatura protagonizada por Durao Barroso (PSD) e o seu colega de partido Santana Lopes.

Aquela noite correron ríos de champán nas sedes socialistas. Sócrates chegaba ao poder cun Portugal mergullado dende principios do 2000 nunha grave crise económica. Catro anos despois daquela vitoria, o país non foi quen de saír do burato, en parte pola crise mundial que atrancou de vez as esperanzas de recuperación. Por se fose pouco, as diferenzas sociais seguen a ser das máis estridentes de toda Europa.

E isto último encargáronse de lembrarllo a cada pouco o Partido Comunista e o Bloco de Esquerdas ao primeiro ministro durante os catro anos de goberno. A praxe do PS foi máis propia dunha forza de carácter centrista. A oposición de esquerda fartouse de pedir políticas sociais e redistributivas. Pola contra, para os conservadores do PSD José Sócrates dedicouse a tirar cartos públicos en vez de apostar pola austeridade e o apoio á creación de empresas.

O que quedou claro é que o candidato do PS non foi quen de ilusionar os votantes progresistas portugueses. Logo dunha campaña máis centrada en axitar o chamado “voto útil” ca en presentar proxectos de futuro, o primeiro ministro apreixa unha vitoria que ten unha parte ben agre: pasar do 45% dos votos a pouco máis do 36. Sócrates comprobou que xa están ben lonxe os días de viño e rosas e que por el agarda unha lexislatura que pode ser un crebacabezas.

A candidata do PSD, Manuela Ferreira Leite, non é quen de aproveitar a hemorraxia dos socialistas. Os conservadores repiten practicamente os mesmos resultados ca en 2005 (soben só tres décimas, 29,1%), o que non deixa de ser un fracaso absoluto.

O PP e o BE, o ascenso metórico da dereita e da esquerda

Cun PS á baixa e cun PSD trabado, as revelacións desta noite electoral veñen dende posicións máis á dereita e esquerda destes partidos. Así, o moi conservador CDS-PP de Paulo Portas obtén o mellor resultado da súa historia e convértese no terceiro partido máis votado de Portugal co 10,4% dos sufraxios (fronte ao 7,2% logrado hai catro anos). O seu segredo: centrar as promesas no combate sen cuartel contra a delincuencia (que aumentou canda a crise nos últimos anos)

Tamén hai ledicia, e non é para menos, no Bloco de Esquerda. Esta formación de orientación marxista, nacida como unha nova vía entre o Partido Socialista e o Partido Comunista sobe máis que notabelmente logra un 9,8% dos votos totais emitidos. O seu ascenso é extraordinario, sobre todo se temos en conta que en 1999, ano no que naceu e no que se presentou por vez primeira, obtivo só 2% dos sufraxios.

O PCP, un dos poucos partidos comunistas de Europa que se mantivo nos postulados marxistas-leninistas, demostra que, aínda que moi lonxe dos resultados da década dos anos 70 e 80, ten o seu espazo propio en Portugal. A súa coaligación cos Verdes (CDU) belisca o 8%(catro décimas máis ca en 2005).

Sócrates, obrigado a ollar para a súa esquerda
Se as forzas progresistas con presenza na Assemblea da República tiveron algo máis do 54% dos votos este domingo, as conservadoras lograron perto do 40. Os resultados obríganlle a Sócrates a mirar para a súa esquerda para poder liderar unha lexislatura dun xeito minimamente estábel. O achegamento entre PS, BE e Partido Comunista non vai ser nada doado. Porén, as urnas xa falaron e as combinacións posíbeis non dan para máis.


5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Sócrates festexando na rúa a vitoria
Sócrates festexando na rúa a vitoria
Ferreira Leite recoñeceu que non obtivo bos resultados
Ferreira Leite recoñeceu que non obtivo bos resultados
O moi conservador CDS-PP logrou ser a terceira forza máis votada
O moi conservador CDS-PP logrou ser a terceira forza máis votada
O Bloco de Esquerda conseguiu un máis que notábel ascenso electoral
O Bloco de Esquerda conseguiu un máis que notábel ascenso electoral
Os comunistas de Jerónimo de Sousa melloran lixeiramente os resultados de 2005 pero perden o pulso co Bloco de Esquerda
Os comunistas de Jerónimo de Sousa melloran lixeiramente os resultados de 2005 pero perden o pulso co Bloco de Esquerda