Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Espírito olímpico

'Quero gañar, mais se non o consigo deixádeme ser valente no intento'

Comezan os XXI Xogos Autonómicos de Atletismo, da asociación Special Olympics, este sábado en Compostela.

Redacción - 09:30 17/09/2009

Comeza en Santiago os XXI Xogos Autonómicos de Atletismo. A competición está organizada pola asociación Special Olympics Galicia, dedicada ao desenvolvemento das persoas con discapacidade a través do deporte e do ocio. Eladio Fernández, presidente da asociación sinala que a súa finalidade é que o deporte sexa "un medio de estímulo para sacar as aptitudes que teñen dentro". Este sábado 253 atletas dende os tres anos e 68 adestradores danse cita neste encontro deportivo na capital do país.

Entidades de 17 localidades achegaranse ao campionato que terá lugar nas instalacións de Atletismo do Campus Sur Universitario da cidade compostelana. A competición xa se celebrou outros anos en cidades coma Ourense ou Lugo. As actividades deportivas organizadas contan con distintos niveis "segundo aptitudes" para que todos os deportistas poidan participar en igualdade de condicións, xa que para Eladio Fernández, "tan duro é gañar con vantaxe como perder con desvantaxe". As probas estarán adaptadas a deportistas con discapadidades intelectuais e con necesidades extensas ou xeralizadas. Ademais, a celebración deste campionato segue o cerimonial das celebracións das Olimpíadas.

Deportistas das 20 asociacións desfilarán ante os presentes, e o lema de Special Olympics será lido por un deportista da Asociación ASPAS que xunto Fademga Feaps Galicia colabora na organización do campionato. O representante da corporación municipal santiaguesa será o encargado de inaugurar oficialmente os xogos as 10.30 horas. Porén, non será até as 19.15 horas cando se entreguen as medallas e os trofeos aos participantes. Os organizadores teñen previsto reunir un total de 391 persoas entre deportistas, adestradores, voluntarios e integrantes das organizacións.

Ademais de campionatos deportivos coma o fútbol sala ou o baloncesto, a asociación Special Olympics, nada nos EUA e que actualmente está estendida por 170 países de todo o mundo, organiza no verán actividades da modalidade de lecer. Entre estas, salientan os campamentos onde este ano participaron perto de 600 persoas.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: