Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Valoración do proxecto da Xunta

"Son iniciativas do bipartito e xa deberan estar en marcha", analiza o PSdeG do 'Plan de Choque'

Desde o BNG cualifícano de plan "decepcionante" e critican que non atenda "os problemas reais do país".

Redacción / Axencias - 10:45 01/08/2009

A voceira adxunta do Grupo Parlamentario Socialista, Mar Barcón, asegurou que "o 80%" das máis de mil medidas que inclúe o plan de choque contra a crise da Xunta "estaban nos presupostos do bipartito", polo que "xa tiñan que estar en marcha". "Negámonos a chamalo plan de choque ou novidade ao xa previsto e presupostado", sentenciou a deputada socialista na conferencia de prensa posterior á reunión que os voceiros parlamentarios dos tres grupos mantiveron esta sexta feira coa conselleira de Traballo, Beatriz Mato, para coñecer o citado plan.

Ademais, Barcón preguntouse cál é a "orixe" das achegas que financian o 20% das novas accións previstas polo Goberno e interpretou que parten "do recorte de dereitos sociais, servizos públicos e axudas a familias". Neste punto, referiuse aos recortes nas axudas aos libros de texto, nas medidas de seguridade --redución de material contra incendios e cancelación do terceiro helicóptero de salvamento-- e nas axudas aos concellos.

De feito, apuntou que o plan de choque prevé máis de 90 millóns de euros para fomentar o emprego a través de convenios cos concellos, unha decisión que, ao seu xuízo, "rompe coa dinámica de destinar partidas" para todos os concellos". "Substitúense partidas por convenios para incluír a discrecionalidade e o concepto de concello amigo nunha cuestión tan sensible como o desemprego", censurou. Tras denunciar que o seu partido se interesou por coñecer a procedencia dos fondos e que "aínda non houbo resposta", a deputada socialista insistiu en que "non é momento de atrasar actuacións nin decisións". "A crise necesita que non haxa parálise e que ninguén se entreteña en envolver nun papel distinto medidas xa previstas e que tiñan que estar en marcha", concluíu.



"Decepcionante" e "irreal", valora o BNG

Sobre o mesmo tema, o voceiro do grupo parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, afirmou que o 'Plan de Choque' "resulta unha operación de maquillaxe contábel decepcionate, que non responde aos problemas reais do país". Aymerich asegura que o Goberno do PP "pretende acometer unha reordenación dos orzamentos por importe de 1.224 millóns de euros sen especificar de onde saen, de que partidas se retiran os cartos".

Neste sentido, alerta de que "a sociedade galega non vai admitir novos recortes nos servizos e prestacións públicas similares aos xa decretados polo PP a respecto da eliminación da gratuidade dos libros de texto". "Sería necesario que o Goberno explicase inmediatamente no Parlamento que partidas se reducen co fin de dotar este plan de choque", solicitou. "Máis unha vez comprobamos como os plans de choque dos gobernos do PP chocan contra os de sempre: os sectores sociais que padecen a crise e contra un tecido produtivo que segue á espera de que a Xunta do PP adopte medidas de reactivación económica", concluíu Aymerich.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: