Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A festa do país

No Día de Galiza 2009: máis ou menos nación?

A viraxe política do 1M trae dúas estreas políticas a este Día da Patria. Manuel Vázquez, no PSdeG, e Guillerme Vázquez, no BNG, afrontarán esta simbólica cita coa necesidade de inxectarlles novos azos ás respectivas militancias.

Redacción - 09:30 25/07/2009

"E difícil de comprender que o presidente de Galiza decida que a columna vertebral da política galega dos próximos anos carece de importancia". Deste xeito se laiaba na véspera deste Día da Patria o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, ao respecto da relativa indiferenza coa que o líder do PPdeG e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, recibiu o convite a recuperar o diálogo para a reforma estatutaria.

Protagonista el mesmo da volta á actualidade do Estatuto, logo de propoñerlle aos grupos parlamentarios volver sentar en setembro para tratar o tema, Vázquez expresaba así o seu desconcerto, acusando a Núñez Feijoo de ser "o único político" no conxunto do Estado "que considera que mellorar os nosos ámbitos competenciais e ampliar os dereitos dos cidadáns non é importante nin prioritario".

Feijoo resérvase como, cando e con que condicións falar do asunto
Os termos nos que se encarreira o debate nesta altura son ben significativos da situación política do país logo do cambio político nas eleccións do pasado 1 de marzo. Logo do distanciamento de Feijoo do asunto, dando a entender que pretende ser el o que decida como, cando e con que condicións se vai reiniciar o debate, os populares cargaban tamén esta sexta feira contra o líder dos socialistas.

"Habería que preguntarlles aos socialistas por que lles entran agora as présas", avaliaba o voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, acusando a Vázquez de sacar o tema "nun momento no que hai dúbidas sobre o seu liderado". Ao respecto da reforma estatutaria, opinou Miranda que "non é algo que haxa que formular para xa", engadindo que "non é algo que poida montarse en período de verán". Tal e como expresara o propio líder do PPdeG, avisou Miranda de que o PP entrará no debate no momento en que o propio Goberno achegue unha proposta concreta.

A ameaza dun "Estatutiño", quéixase o BNG
Subliñaba este venres o líder dos socialistas en Galiza a súa convicción de que "ninguén discute que Galiza é unha nacionalidade histórica" e recordaba que as expresións "nacionalidade histórica" e "realidade nacional" son "modelos escritos, aprobados e consensuados". E porén, ao comezo da semana, o líder dos socialistas respondera aos xornalistas que a inclusión ou non da referencia a Galiza como "nación" non sería obstáculo para que o PSdeG facilitase o acordo.

A insinuación dun posíbel acordo a dous, entre PP e PSOE, foi moi criticamente recibida polo BNG. O voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, salientou daquela a importancia de que Galiza acorde un novo Estatuto que, insistiu, debe ser "ambicioso" e deixar a Galiza "na liga das estrelas". Entre outros, recordou a reclamación do Bloque de que o texto estabeleza un marco de relacións co Estado "sobre a base da igualdade e o respecto recíproco" e lle dea "igualdade de oportunidades" ao galego.

Sobre o mesmo asunto, o voceiro nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, analizou posteriormente que a súa formación "non se autoexcluirá" do debate para a reforma, pero non aceptará "propostas do españolismo" que leven á creación dun "estatutiño" que deixe a Galiza "en segunda división". Defendeu Vázquez a necesidade dun Estatuto "de nación" e advertiu da escolla entre "segunda división e rango de nacionalidade histórica". "Rango é igual a competencias, a cartos e a benestar", sentenciou.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: