A cualificación, outorgada por AENOR, recoñece a calidade das actividades de formación e da súa coordinación e xestión.
A Rede de Dinamización da Sociedade da Información acaba de recibir un certificado ISO 9001 de AENOR. A concesión supón o recoñecemento do deseño e a impartición de actividades de formación e difusión destinadas á dinamización da Sociedade da Información, así como á coordinación e xestión administrativa e técnica da Rede. A Rede de Dinamización é a segunda rede certificada por AENOR no estado español, o que dá conta da importancia deste logro.
A concesión implica o recoñecemento ao funcionamento dunha rede que, desde a súa posta en marcha en xaneiro de 2007, ten xa máis de 24 mil usuarios e usuarias. Neste tempo impartíronse cinco mil obradoiros, con máis de 32 mil participantes e 42 mil horas de formación.
Tamén se realizaron 354 iniciativas (con 14 mil participantes) e 572 actividades de difusión, ás que asistiron tres mil persoas. Cabe tamén destacar que desde xaneiro de 2008 fixeron uso das instalacións da rede máis de 230 mil persoas.