Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
XUNTANZAS DECISIVAS

O futuro político de Euskadi cocíñase esta semana a lume vivo

O novo paso a prol a ilegalización de Batasuna coincide coa semana de maior actividade de Patxi López dende que chegou á lehendakaritza, entre ameazas do PP e críticas do PNV.

Redacción - 12:30 30/06/2009
Patxi López

Patxi López

Patxi López comeza este martes a súa semana de maior actividade política dende que fora investido lehendakari a comezos do mes de marzo. Así, este martes reunirase co líder da formación que avalou a súa chegada ao goberno, o presidente do PP vasco, Antonio Basgoiti. Esta xuntanza vén precedida por unhas declaracións de Basagoiti nas que volveu a reclamar o apoio do PSE ao PP para botar fóra da Deputación de Araba o PNV. O mércores tocaralle ao presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero; e o venres ao seu homólogo na Comunidade Foral de Navarra, Miguel Sanz.

A deste martes será así a primeira reunión entre Patxi López e Antonio Basagoiti dende que o líder dos socialistas vascos fora investido lehendakari co apoio do PP. Nesta reunión tratarase de acadar un consenso sobre as directrices presupostarias, a só unha semana de que se fixe o teito de gasto en cada departamento. O mércores López terá o primeiro encontro oficial co presidente do Estado dende a súa chegada ao cargo, no que falarán de temas como a loita antiterrorista, as medidas anticrise ou os vindeiros investimentos en infraestruturas. A última reunión será co presidente da Comunidade Foral de Navarra e terá un marcado carácter simbólico, xa que facía moito tempo que un lehendakari non facía unha visita oficial a Nafarroa.

Basagoiti reclama o cambio na Deputación Alavesa
Un dos puntos máis delicados na negociación entre PSOE e PP para a investidura de López foi o cambio de goberno na Deputación Foral de Araba, onde o PNV goberna en minoría grazas ao apoio do PSOE. Dende o PP seguen reclamando un cambio nesta administración e, malia que Basagoiti dixo que a reunión deste martes co lehendakari vai estar centrada na solución dos problemas cotiás de Euskadi, fixo tamén unha advertencia ao afirmar que "cando antes haxa un deputado xeral que estea no cambio, máis fácil será que o goberno de Patxi López non teña deslealdades importantes".

Urkullu non sabe "a que carta xoga" Patxi López
O presidente do EBB do PNV, Íñigo Urkullu, volveu criticar estes días a "estratexia de Estado para diluír os nacionalismos" que, segundo afirmou, é froito de estar "nun Estado de sistema bipartidista en onde só existen o PSOE e o PP". Urkullu criticou tamén a actitude da actual lehendakaritza ao falar das actuacións en materia antiterrorista dos gobernos anteriores. Amosouse "doído porque é un falseamento da realidade en canto ao compromiso ético e político por parte do PNV en contra do terrorismo".


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: