Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En elaboración

Territorio di que o Plan de Infraestruturas 2009-2015 será un novo Plan Galicia

O conselleiro Agustín Hernández, nun foro da canle de TV 'Intereconomía', aproveitou para criticar os "incumprimentos" do anterior Goberno bipartito.

Redacción - 17:35 24/06/2009

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, afirmou esta cuarta feira en Madrid que o Plan de Infraestruturas que o departamento da Xunta está elaborando "vai constituír un novo Plan Galicia para o período 2009-2015".

Nun foro organizado pola canle de TV Intereconomía sobre as novas infraestruturas de transportes no Estado, Hernández adiantou que o programa contempla a execución de novas autovías ou vías de altas prestacións con deseño desdobrábel, que poidan ser transformadas en autovías cando o tráfico o demande.

"Mais tamén se dará prioridade ás actuacións do Plan Galicia deseñado polo executivo anterior ao bipartito que sufriron importantes adiamentos respecto aos prazos previstos, e que aínda están sen rematar aínda que o horizonte de posta en servizo estaba fixado entre 2006 e 2008", engadiu.

Críticas ao anterior Executivo

O conselleiro de Infraestruturas aproveitou a súa comparecencia para criticar o Goberno bipartito, ao sinalar que "as únicas obras que tiveron continuidade foron aquelas que atoparon en execución ou licitadas". "Todas as demais foron tramitadas con excesiva lentitude, reformuladas ou, simplemente, paralizadas", comentou.

Segundo Hernández, o Plan de Infraestruturas 2009-2015 permitirá impulsar "unha rede de autovías e vías de alta capacidade que sitúen o 80% da poboación de Galiza a menos de 10 minutos dunha Vía de Alta Capacidade".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: