Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
JOAQUÍN DOSIL, DOUTOR EN PSICOLOXÍA

"O 'coaching' permítelle ás empresas aumentar a súa eficiencia"

Será un dos relatores que participará na I Xornada Internacional de Coaching que se celebra este xoves en Compostela.

Pablo García Martínez - 09:45 25/06/2009
Joaquín Dosil

Joaquín Dosil

Vieiros falou con Joaquin Dosil, doutor en psicoloxía que actualmente exerce a súa labor na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte na Universidade de Vigo. Malia que centrou no deporte gran parte do traballo realizado no mundo do coaching, Dosil tamén traballou con políticos e directivos de empresas. Durante todo este tempo publicou máis dunha ducia de libros sobre psicoloxía deportiva e está considerado unha voz moi respectada neste eido. Este xoves participa como relator na I Xornada Internacional de Coaching.

En que consiste o coaching?

Podemos definilo como un conxunto de estratexias para sacar o máximo rendemento e resolver problemas, constituíndo unha maneira viábel de mellorar o funcionamento das empresas. Estas estratexias melloran o rendemento dos traballadores en diferentes aspectos como son: liderado dos directivos, capacidades comunicativas, cohesión dentro da empresa ou procura de estratexias destinadas á solución de conflitos.

Cre que as empresas lle dan a importancia necesaria a este tipo de estratexias?
Eu penso que moitas aínda non son conscientes de até que punto o coaching pode ser unha ferramenta axeitada para abordar a súa actividade con maior eficiencia. Creo que o factor humano pode axudar en momentos de crise, e de feito hai estudos nos que se recolle que aquelas empresas que usan estas tácticas teñen unha maior produtividade.

Que importancia lle dan vostedes neste proceso formativo á ética das relacións persoais entre os compañeiros?
É outro apartado que se estuda, si. O primeiro que se estuda é o tipo de directivo que queremos formar, xa que hai tres perfiles, como son: autoritario, permisivo e democrático. Nós neste eido apostamos por directivos democráticos que teñan certa autoridade e consigan así impoñerse. Despois traballamos para que haxa unha relación educada e que os vínculos emocionais existentes entre os compañeiros contribúan ao benestar da empresa. Para iso temos diferentes tácticas, como por exemplo o 'outdoor training', que consiste en levar os empregados fóra do seu posto de traballo e fomentar alí as relacións entre eles e traballar na delimitación dos roles. Este método permíteche rachar coa dinámica de empresa e nós adoitamos facelo combinado con actividades lúdicas como golf, vela ou kárting.

En que van a consistir a I Xornada Internacional de coaching?
A finalidade fundamental é dar a coñecer en que consiste o coaching empresarial e, polo tanto, como mellorar o rendemento dende as empresas. Para iso imos tentar describir algunhas estratexias coas que mellorar o rendemento profesional e o benestar.


2,33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: