Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
esta semana

O BNG incorpórase ao grupo do PNV no Senado

Os nacionalistas vascos perderon un membro en favor do PP, un espazo que ocupará o Bloque, a través do senador Xosé Manuel Pérez Bouza.

Redacción - 09:00 16/06/2009
O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza

O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza

O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, presentou na Cámara esta segunda feira, o escrito polo que informa do seu paso do Grupo Mixto ao do PNV, partido que acaba de perder un senador en favor do PP, e que quedou con tres compoñentes. Así, Senadores Nacionalistas, que é como pasou a denominarse o antigo grupo vasco, seguirá tendo catro membros.

O traslado de Pérez Bouza será visto pola Mesa do Senado na súa reunión desta terza feira. O senador galego quedará, daquela, formalmente incorporado ao seu novo grupo, e comezará a traballar nas comisións nas que lle corresponda. En principio, aquelas nas que participaba Paulino Corcuera, o senador vasco ao que substitúe: Economía, Orzamentos, Medio Ambiente, Sanidade e Vivenda, ademais da de Fomento.

Pérez Bouza sinalou que este cambio se formulou cando se soubo que o PNV perdía un membro e que se podía producir o paso dos seus tres compoñentes restantes ao Grupo Mixto, composto xa por nove senadores. En vez de conformar un grupo de 12, optouse polo transvasamento contrario, e o representante do BNG deu o paso ao rebautizado grupo Senadores Nacionalistas. "Así todos podemos ter máis capacidade política", explicou Pérez Bouza. O senador nacionalista tamén explicou que foi el quen aceptou o cambio, xa que a súa formación non ten obriga de permanecer no Grupo Mixto, ao que si están comprometidas outras formacións e coalicións, e que comparte ademais unha "moi boa relación" co PNV.

Pérez Bouza tamén subliñou que lle interesa, ademais, o traballo que vai poder realizar a partir de agora na comisión de Fomento, en plena construción da conexión de Galiza coa rede da alta velocidade ferroviaria.

O préstamo de senadores
O Parlamento de Vitoria renovou o pasada sexta feira os seus tres representantes no Senado, que tomarán posesión o día 23 de xuño: un será membro do PNV, outro do PSE e un terceiro do PP, partido que non contara, polo de agora, cun senador autonómico vasco. Este reparto deixa os nacionalistas na Cámara Alta cun escano menos, e a representación de Joseba Zubía (voceiro), Iñaki Anasagasti e Miren Lore Leanizbarrutia.

Coa incorporación do senador do BNG, o grupo seguirá tendo catro membros, e seguirá, polo tanto, precisando o "préstamo" de senadores doutro grupo para cumprir o Regulamento da Cámara Alta, que estabelece que son necesarios 10 membros para constituír un grupo parlamentario propio. Ao longo da lexislatura, ademais, ese número non pode ser inferior a seis.

Nesta lexislatura, tanto PNV coma CiU ficaron sen varios representantes, e o PSOE acordou con ámbolos dous grupos cederlles senadores. O préstamo débese producir ao arranque de cada período de sesións, e dura só uns días, os necesarios para rexistrar o grupo; tras isto, os parlamentarios volven á súa formación de orixe. No caso do novo grupo Senadores Nacionalistas, esta cesión de senadores para chegar ao número mínimo de seis non terá que producirse até setembro, cando comece o vindeiro período de traballo no Senado.


4,33/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: