Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Editorial

A fronte praecipitium, .... a tergo lupi (diante o precipicio, detrás, os lobos)

A situación que se está creando arredor do galego pode facernos esquecer a realidade máis real. Esa é a que está nos estudos e mapas sociolingüísticos, a que vemos cada día nos parques, hipermercados, perruquerías, facultades e hospitais, a que simplemente nos lembra, cada vez con máis contundencia, a perda de falantes entre as xeracións novas e as áreas urbanas, é dicir, entre os sectores que “representan” modernidade e futuro. 

Redacción - 22:04 12/06/2009

Esa realidade – a tanxible e terrible tendencia cara a conversión dunha lingua milenaria nun acento suburbano que alguén chama “curuño”, pero que podería ser “vigoño” ou “lugueso”- é a que calquera político responsable debería abordar con tesón, intelixencia, sedución, estratexia. 

Moi ao contrario, o PP fixo bandeira coa mentira da imposición do galego, imposición que daría risa se non fose de chorar. E agora, no goberno, queren contentar a uns sen desgustar a outros: ten que enfrontar aquela “verdade” sociolingüística, sen desdicirse desta mentira electoral. 

 A famosa enquisa ás familias tamén é de chorar, porque é de risa. Unha vez filtrados os cuestionarios, calquera se pregunta para que van servir, como se van a interpretar os resultados e que conclusión é posible tirar deles. O da escola infantil é especialmente perigoso nas mans dos amigos da COPE: preguntar nun país cunha  diglosia viva e puxante e cun invencible autoodio en que lingua aprendeu a falar o neno e en que lingua a nena se dirixe aos pais (cando aquí se dirixen aos pais en castelán mesmo os nenos que só sentiron o galego de sempre) podería ter dúas aplicacións ben diferentes.

 Así, posto en evidencia que entre os infantes xa non se fala chisco de galego cabería unha postura de inmersión radical, para inverter o proceso. Ou, en atención á súa sacrosanta liberdade, darlle ao galego a puntilla que necesita. Postos nesa tesitura, para que se fai a enquisa, se ao final a decisión dependerá sempre doutros factores, tales como a querenza pola lingua propia? 

 Entre tanto, para alegrar a festa, os outros inimigos do galego dedícanse a estragar coches e a converter a principal defensora do monolingüismo castelán en mártir da patria española e portada de xornais e emisoras.

  Pois iso, por diante o barranco, por trás a manda de lobos.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: