Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
No seu día

Portugal lembra os Capitáns de Abril

O país veciño está esta cuarta feira de festa, cando se fan 529 anos da morte de Camões. Este ano a xornada dedícaselle ao capitán Salgueiro Maia.

Redacción - 11:35 10/06/2009
Unha imaxe de Salgueiro Maia

Unha imaxe de Salgueiro Maia

O 10 de xuño é feriado en Portugal, porque o país veciño celebra o seu día. A data foi escollida por ser a do pasamento, hai 529 anos, do considerado como o maior poeta de lingua portuguesa e dos maiores da Humanidade: Luís Vaz de Camões (1524-1580).

Cada ano fáiselle unha homenaxe a unha figura pública portuguesa, e a deste ano non vén sen controversia. En 2009, a República de Portugal honra a Fernando José Salgueiro Maia (1944-1992), o pichita, un dos capitáns do exército portugués que lideraron as forzas militares durante a Revolução dos Cravos, que terminou coa ditadura salazarista. Será o presidente da República, Aníbal Cavaco Silva, quen represente a homenaxe en Santarém, e este punto é precisamente o que creou polémica. Cavaco Silva negáralle a pensión, pedida polo capitán de abril, hai 20 anos, cando era primeiro ministro.

"O simple feito de recoñeceren as cualidades humanas del xa ten o seu mérito"
No ano 1988 o propio Salgueiro Maia decidira requirir unha pensión "polos servizos excepcionais e relevantes prestados ao país", mais nunca obtivo resposta. Porén, si lles foi concedida unha pensión, naquela altura -e ratificada por Cavaco Silva- a dous antigos inspectores da PIDE, un dos cales fora sinalado como autor dos disparos sobre unha multitude concentrada á porta da sede desta policía política, na Rúa António Maria Cardoso, en Lisboa, aquel 25 de abril do 74. Estas pensións concedéraas o Supremo Tribunal Militar (STM), a mesma institución que se declarara "non competente" para analizar o caso de Salgueiro Maia. Finalmente, o caso foi remitido á Procuradoria-Geral da República (PGR), onde se aprobou, por unanimidade, concederlle a pensión ao capitán, en 1989. Segundo informa o xornal Público, o proceso foi despois remitido do Ministério da Defesa ao Montepio dos Servidores do Estado -servizo equivalente á actual Caixa Geral de Aposentações, entidade que outorga as pensións-, de onde, por razóns que nunca foron esclarecidas, nunca chegou a saír.

A homenaxe deste 10 de xuño está destinada a corrixir esta afronta á memoria de Salgueiro Maia, mais, segundo a viúva do ex militar, Natércia Salgueiro Maia, que quere terminar coa polémica, "o simple eito de recoñeceren as cualidades humanas del, e o seu papel no 25 de abril xa ten o seu mérito". A muller de Salgueiro Maia comezou a recibir aquela pensión tan arelada en 1995, tres anos após falecer o capitán de abril.


4.11/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: