Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Europa, Terra de Pobos

300 millóns de anos despois, Bretaña e Galiza seguen unidas

A nosa literatura está inzada de referencias á cultura bretoa. Compartimos mesmo as filloas, e que as paisaxes sexan tan similares non é froito da casualidade.

Fernando Arrizado - 14:30 06/05/2009

Hai relacións eternas. A de Bretaña e Galiza parece encamiñarse cara ao infinito. 300 millóns de anos atrás, cando o supercontinente Panxea, eran unha. Mais o destino quixo pór entre as -dende aquelas- dúas terras, un mar de por medio. Lonxe de nos separar, esas augas mantiveron unha unión que se estende até os nosos días.

O patrimonio histórico que conservamos é proba dunha cultura común aos diversos pobos que habitaban arredor dese mar. Menhires (do bretón, "pedra longa"), dolmens e outros monumentos megalíticos hóuboos e hainos na Bretaña e na Galiza, como no resto de nacións celtas.

Un outro resto do pasado é a lingua. No norte do noso país, na diócese de Mondoñedo, o galego viuse influído polo bretón. Parte dos habitantes do occidente da Illa da Gran Bretaña (actuais Gales e Cornwall), que nove séculos antes fuxían da invasión anglosaxoa, instaláronse na Bretaña; outros navegaron até a Gallaecia, levando consigo o idioma. Aínda que non se conservan escritos neste dialecto, quen queira pode visitar a vila de "Bretoña", no Concello da Pastoriza.

Tamén na nosa literatura temos bos exemplos desta ligazón. Castelao constatou que As Cruces de Pedra na Bretaña eran iguais que As Cruces de Pedra na Galiza. Cunqueiro guiounos por este país n'As crónicas do Sochantre. Alá fuximos con Amaury, o preso político bretón, ao que lle deu vida Ferrín en Bretaña, Esmeraldina. E a temática artúrica é recorrente nestes e noutros moitos autores.

Carta de Brest
Na política, as arelas de reivindicar a identidade nacional xuntou, en febreiro de 1972, a Unión Democrática Bretoa (UDB), o Movemento Republicano Irlandés (IRM) e a Unión do Povo Galego (UPG), na cidade bretoa de Brest. O obxectivo, a loita conxunta para unha Europa unida en estados socialistas independentes.

Os tres partidos asinaron a coñecida como Carta de Brest, que ratificarían despois Herri Alderdi Sozialista Iraultzailea, do País Vasco; Cymru Goch, de Gales; Partit Socialista d'Alliberament Nacional-Provisional e Esquerra Catalana dels Treballadors, dos Países Cataláns; Su Populu Sardu, de Sardeña; e Lucha Occitana, de Occitania.

Precisamente en Brest continúa a relación entre Bretaña e Galiza. En 2008, o noso foi o país convidado na Festa Marítima Internacional, o máis grande evento marítimo do mundo, que desde o ano 1992, e cada catro anos, se organiza na cidade. E en 2009, Galiza volverá ser país convidado, neste caso no Gouelioù Etrekeltiek An Oriant, o histórico Festival Intercéltico de An Oriant.

Hai unha Fisterra galega e hai unha Fisterra (Penn-ar-Bed) bretoa. A gastronomía non podía ser menos: a nosa filloa ten o seu equivalente na súa krampouezhenn. Aínda que segundo din os galegos que a probaron -primeira diferencia en tres millóns de anos?-, a nosa está máis rica.


4,77/5 (35 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: