Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
Na investidura do novo lehendakari

López felicita a ausencia da esquerda abertzale e Ibarretxe agoira unha cruzada contra a identidade nacional

O candidato do PSE pediu unidade e consenso pola paz, e enunciou medidas anticrise. O candidato do PNV reprochoulle, de novo, o pacto cos populares, sinalando que é un "acordo que vén de Madrid".

Redacción - 14:15 05/05/2009
López, durante a súa intervención, con Ibarretxe en segundo plano

López, durante a súa intervención, con Ibarretxe en segundo plano

É a primeira vez, dende a súa creación, que o Goberno Vasco (1980) non vai estar dirixido polo PNV. Porén, hai quen non atribúe este feito histórico a un cambio social, senón á "intervención dos tribunais españois no mapa electoral vasco", referíndose á exclusión, nos pasados comicios do primeiro de marzo, dos partidos da esquerda abertzale, un feito ao que se referiu o candidato a lehendakari do PSE esta terza feira.

Patxi López comezou a súa intervención encetando a sesión de investidura, ás 09h30 desta terza feira, pronunciando as súas primeiras palabras en éuscaro para pedir a unidade dos partidos e para amosar a súa "ledicia" pola exclusión, neste proceso, da esquerda abertzale: "Hoxe estamos todos os que temos que estar", salientou.

Nas súas primeiras palabras, López tamén sinalou que o seu "primeiro empeño" vai ser "poñerlle fin ao terrorismo de ETA", para o que pediu a colaboración de todas as forzas parlamentares "sen excepción", para deseñar "unha estratexia antiterrorista compartida por todos" e lograr a súa "deslexitimación social".

Tres mil millóns contra a crise
López tamén falou da necesidade de reforzar o autogoberno, reclamando, ao tempo, a "confianza para unir a sociedade vasca, para terminar coa confrontación política e institucional e deixar atrás o tempo da división e dos bloques enfrontados", co fin de "pór as prioridades da política alí onde están os problemas e as preocupacións reais da xente". En materia de política lingüística, López avanzou que o seu goberno vai derrogar "de inmediato" diversos artigos do Curriculum Vasco que estabelecen o éuscaro como lingua vehicular no ensino, e falou do "bilingüismo integrador".

Tamén dedicou unha parte do seu discurso a falar da crise, e das "medidas de choque" que ha desenvolver o seu executivo, comezando pola creación dunha mesa de diálogo social con empresarios e sindicatos, e o investimento de tres mil millóns de euros para sacar o país desta situación.

"O pacto entre PSE e PP é un acordo de Estado para resolver un problema de Estado"
Polo seu lado, o candidato do PNV á reelección como lehendakari, Juan José Ibarretxe, arremeteu contra López por causa do pacto que o seu partido (PSE) asinou cos populares vascos para poder levalo até Ajuria Enea. Segundo Ibarretxe, o acordo de socialistas e populares en Euskadi non é máis que "unha cruzada en contra" ou "un intento de anulación" da identidade nacional dos vascos e vascas.

O candidato nacionalista tamén advertiu, na súa intervención durante a sesión de investidura, que o PNV vai arrepoñerse "a quen pretenda destruír o camiño percorrido, e subordinar os intereses de Euskadi aos de España". Nesta liña, Ibarretxe volveu denunciar que o pacto entre PSE e PP é "un acordo de Estado para resolver un problema de Estado".

O lehendakari en funcións, que falou após Patxi López, volveu defender a Lei de Consulta e o chamado Plan Ibarretxe, alén da súa candidatura que, dixo, "está avalada polo resultado democrático do 1 de marzo", explicando que a presenta "por respecto á maioría democrática que nos apoiou, e para que se visualicen con claridade dous modelos de país". "non vou ser eu quen poña en dúbida a lexitimidade do señor López para chegar á presidencia cos votos do PP, pero a lexitimidade social das urnas avala a miña candidatura", recalcou. Nesta liña, Ibarretxe acusou a PSE e PP de "enganar os electores", ao lles ocultar "a existencia dunha alianza pechada en Madrid" para chegar ao poder en Euskadi, e denunciou o emprego "perverso" da Lei de Partidos para acadar este obxectivo.

Alta expectación a nivel internacional
O pleno comezará, de novo, tras o discurso de Ibarretxe que pechou a sesión de mañá, a primeira hora da tarde, e votación para lehendakari desenvolverase por volta das 20h00 desta terza feira, tras a intervención dos grupos, de menor a maior.

Para facerse unha idea da importancia deste momento histórico en Euskadi chegaba con botar unha ollada portas para fóra do Parlamento de Vitoria-Gasteiz, onde se congregaron, durante toda a mañá, numerosos medios de comunicación de Euskadi, de todo o Estado e doutras partes do mundo, como a cadea árabe Al Jazeera, e varios medios holandeses, venezolanos ou franceses, entre outros.

As primeiras noticias da investidura, nos xornais vascos:


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: