Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Nun municipio de 800 habitantes

O novo salario do alcalde de Muras supera o total que o concello dedica a infraestruturas

Os grupos da oposición -PSdeG e BNG- , denuncian que o rexedor do concello da Terra Chá, Isaam Algnam Azam (PPdeG) vai chegar a cobrar perto de 60 mil euros.

Redacción - 08:00 05/05/2009
A situación do Concello de Muras, na comarca da Terra Chá

A situación do Concello de Muras, na comarca da Terra Chá

A pasada quinta feira 30 de abril, o alcalde do Concello de Muras (Terra Chá), Isaam Algnam Azam (PPdeG), anunciou no pleno municipal que vai dedicar o tempo completo aos seus labores de rexedor municipal, deixando a súa profesión na Sanidade.

Deste xeito, un seu soldo que consistía en dietas e desprazamentos -que se sumaban ao salario que gañaba como médico- ha engordar até chegar aos 54 mil euros anuais. A estes cartos aínda habería que lle sumar outros 10 mil euros de Seguridade Social, máis as dietas e os desprazamentos, co que chegaría aos 60 mil euros o salario do alcalde de Muras, unha cifra que, segundo denuncia o voceiro do PSdeG do concello, Francisco Rodríguez Trashorras, "supera considerabelmente o orzamento que o municipio destina á área de infraestruturas".

Á agrupación municipal do PSdeG tamén lle resulta "sospeitoso" que despois de 18 anos de exercer como alcalde, sen dedicación exclusiva, agora "de súpeto, sen un motivo xustificado nin razón aparente", deixe Algnam o seu posto "a dous anos da súa xubilación". Nesta liña, lémbranlle ao alcalde de Muras "todos eses alardes de austeridade" que o seu partido, o PPdeG, "cansou de repetir durante a campaña electoral" das pasadas eleccións galegas.

Un salario "desorbitante" nestes tempos de crise
Muras é un concello de perto de 800 habitantes, cun orzamento total que non supera o millón de euros. Por isto lles parece "desorbitante" aos socialistas o novo soldo do alcalde, sobre todo nos "tempos de crise que vivimos". Polo seu lado, o BNG de Muras denuncia que "o pobo está canso de actitudes cando menos insultantes" por parte do seu rexedor para o que, segundo din, "semella non existir a ética no que se refire a cousa pública". Os nacionalistas tamén sinalan que "non procede" que o alcalde deixe o seu traballo de médico titular -"no que xa contaba con un bo salario"-, para dedicarse en exclusiva á alcaldía, "xa que o concello non xera tanta carga de traballo", e máxime cando os labores de rexedor "exercíaos habitualmente dende a súa consulta no Centro de Saúde".

Nesta liña, dende o BNG de Muras deixan clara a súa "oposición total" a esta decisión, e condenan "o xeito de facer política e xestionar o concello" de Isaam Algnam Azam, nuns tempos, estes de crise, "nos que terían que aparecer os bos xestores".


4,67/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os investimentos en enerxía eólica en Muras son considerábeis, xa que o concello conta con enormes extensións de monte / Flickr: santinet
Os investimentos en enerxía eólica en Muras son considerábeis, xa que o concello conta con enormes extensións de monte / Flickr: santinet
Outra imaxe dun curruncho de Muras, co arco da vella / Flickr: santinet
Outra imaxe dun curruncho de Muras, co arco da vella / Flickr: santinet