Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
ENRIQUE SALGUEIRO

“Cada ano que pasa medro como ciclista”

Despois do seu paso frustrado polo Karpin Galicia este mozo de Redondela consegue reinar na súa terra aos 27 anos, gañando a Volta a Galiza.

Pablo García Martínez - 15:00 26/04/2009
Enrique Salgueiro, coa camisola do seu equipo

Enrique Salgueiro, coa camisola do seu equipo

A traxectoria ciclista de Enrique Salgueiro (Redondela, 1981) está claramente marcada pola fidelidade, primeiro ao Club Ciclista Vigués e máis tarde ao Extremadura. No medio queda un ano fugaz no Karpin Galicia en que non conseguiu botar raíces. Agora achégase á madurez como ciclista e a súa vitoria na Volta a Galiza pode ser só o comezo dunha recua de trunfos cos que Salgueiro está disposto a reivindicar o papel do ciclista modesto do país.

Vieiros: Cando empezaches a practicar o ciclismo con regularidade?

Enrique Salgueiro: Comecei con oito anos, cando xa me federei no Club Ciclista Vigués. Estiven alí até que dei o salto a profesionais, correndo dous anos cun equipo portugués, e despois xa co Extremadura.

Despois de catro anos no Spiuk Extremadura supoño que hoxe en día o entendemento é moi grande. Non é así?
A verdade é que somos un grupo moi consolidado. Levamos moitos anos correndo xuntos e hoxe en día somos como unha familia.

No medio destes catro anos, no 2007, pasaches unha tempada no que entón se chamaba Karpin Galicia. Como valoras a experiencia e a túa saída do equipo?
Non entendín por que non se me renovou, porque baixo o meu punto de vista tiña sitio por cousas que fixen antes de chegar ao equipo, e tamén polo que fixen alí. A verdade é que xa me custou moito entrar no equipo, fíxeno a última hora, e despois logo me botaron. Non me deron unha oportunidade firme. Quedoume unha pena grande e, ademais, pechoume moitas portas porque os equipos pensan "se non o queren no equipo da súa terra por algo será".

A semana pasada proclamácheste campión da Volta a Galiza. Que pouso che deixou a carreira?

A verdade é que quedei moi contento e sorprendeume a organización, que superou a algunhas voltas profesionais nas que teño participado. Ademais, houbo moi bo ambiente e a xente estivo ao lado da volta en todo momento, especialmente durante a fin de semana.

E a nivel deportivo?

Houbo moita competencia e puxéronme moi difícil a vitoria, principalmente o Supermercados Froiz. Foron un grande rival pero nós tivemos un equipo que respondeu en todo momento e aguantou perfectamente o pulso, demostrando que está preparado para o ciclismo.

Que papel pensas que pode desenvolver o Xacobeo na vindeira edición do Giro?

Vendo o que fixeron na Vuelta penso que no Giro van a ter opcións de disputar a xeral e incluso etapas. Está Ezequiel que parte como líder do equipo, pero despois tamén hai outros como David García ou Gustavo Veloso que están capacitados para facer cousas importantes.

En que muda a túa rutina a vitoria na Volta?
De cara aos medios recibín atención que non tiña antes, porque no ciclismo galego parece que só existe o Xacobeo. Un exemplo foi a última Volta a Turquía, onde os medios destacaron resultados puntuais do Xacobeo que eu xa acadara o ano anterior. Esta vitoria axúdame para darme a coñecer, que nunca sobra no noso deporte.

Con 27 anos estás na idade en que os ciclistas adoitan acadar a súa plenitude deportiva. Cales son os teus obxectivos para o futuro?

A verdade é que eu noto que medro como ciclista cada ano que pasa, e véxome cada vez máis forte. No que se refire ao equipo, nós o ano pasado xa estivemos na mesma categoría que o Xacobeo, coa diferenza de que non corremos a Vuelta. Este ano queremos recuperar a categoría e, a nivel persoal, supón unha satisfacción poder axudar a un equipo que che dou tanto.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: