Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Polémica en Lugo

Xosé Anxo Laxe, do BNG, 'membro fuxido da organización ETA'

O concelleiro nacionalista recibe ameazas logo de criticar o "absentismo" dentro da Policía Local.

Fernando Arrizado - 19:00 20/04/2009
Laxe co cartaz (clique para ampliar)

Laxe co cartaz (clique para ampliar)

"Os cidadáns de Lugo pagan os soldos dos policías locais para que traballen, non para que se levanten en armas contra o goberno e a cidadanía", afirmaba a pasada semana o portavoz municipal do BNG, Xosé Anxo Laxe.

Poucos días despois, no taboleiro de anuncios da Policía Municipal, aparecía unha foto de Laxe pegada nun cartaz que distribúe o Ministerio español do Interior cos seis "membros fuxidos da organización ETA" máis buscados.

O nacionalista cualificou de prácticas de "mafia siciliana" as accións que exerce un grupo "ultraminoritario" que se opón á reforma deste corpo policial, e considera que se tratan dunha "ameaza" contra a súa persoa, pola belixerancia mostrada cara a este grupo.

"Este grupo minoritario empezou cunha folga de celo, seguiu con prácticas de absentismo laboral, deron o salto a anuncios a compañeiros que non secundaban esas prácticas e agora dan un paso máis en prácticas máis propias da mafia siciliana", expuxo.

Laxe, que anticipou que non denunciará esta acción ante a Fiscalía, si que lle pediu ao PP, que ampara "este grupo", que responda sobre o que pensa de todo isto. E ao "grupo ultraminoritario", recomendoulle que reflexione "sobre estas actitudes para que non se volvan producir coaccións".

O concelleiro de Protección da Comunidade, Xosé Rábade, anunciou que se abrirá unha investigación ante o que cualificou como "terrorismo intelectual". "A ninguén se lle pode comparar con terroristas", reprobou en relación a esta acción, que atribuíu a "un pequeno sector da policía local".

Orixe do conflito

Segundo explicaron dende o BNG de Lugo, un grupo moi reducido de axentes da Policía Municipal de Lugo mantén dende hai tempo unha actitude belixerante contra a reestruturación do corpo, que finalmente foi aprobada en pleno -coa oposición do PP- hai pouco máis dun mes.

Estes funcionarios néganse a que lles aumente o número de horas da súa xornada laboral, e exixen un incremento nos salarios. Dende 1999, xusto antes de que o Partido Popular abandonase o poder, os axentes traballan 26 horas semanais, cando o normal son 37,5 horas. Esta medida, consideran os nacionalistas, foi a semente do conflito que os populares usaron para erosionar o Goberno.

"De acordo coa proposta que nos presentamos, que é que se equiparase o número de horas coas que fan o resto de empregados do Concello, habería 12 policías máis ao días traballando", afirman dende o BNG. Actualmente, Lugo conta con 160 axentes no seu cadro de persoal laboral.

Ademais, aseguran que este tipo de ameazas non son novas, xa que tamén apareceron fotos cunha diana pintada de policías que non comparten a belixerancia deste "grupo ultraminoritario". Entre as medidas de presión, tamén realizaron unha "folga de brazos caídos" -non poñían multas- e solicitaban baixas por enfermidade masivas, que había día que chegaban ao 70% dos axentes.

"Policía política", di o PP
Porén, dende o PP consideran que a Policía Local de Lugo se converteu en "policía política". A semana pasada, o concelleiro popular Enrique Rozas aseguraba que "hai que ser afiliado ao PSOE, UXT ou a CIG, para estar á fronte de postos de responsabilidade".


4,69/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O cartaz, no taboleiro de anuncios da Policía Municipal (clique para ampliar)
O cartaz, no taboleiro de anuncios da Policía Municipal (clique para ampliar)
Unha outra foto, chamando a participar no pleno "para ouvir o Sr. Anxo falar da Policía" (clique para ampliar)
Unha outra foto, chamando a participar no pleno "para ouvir o Sr. Anxo falar da Policía" (clique para ampliar)