Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Renovación no BNG

O mínimo do 40% de mulleres deixa sen pechar as prazas para a Asemblea

Segundo os últimos datos actualizados, ApU conta con 1.092 delegados e Máis BNG, con 791.

Redacción - 20:10 19/04/2009


As listas de delegados do BNG non puideron completarse polo requisito recollido no regulamento da asemblea extraordinaria, que se celebrará o próximo 10 de maio, da necesidade de respectar a proporción dun 40% -como mínimo- de mulleres en cada candidatura. O vindeiro sábado día 25 a formación celebra unha reunión do Consello Nacional onde se podería discutir a posibilidade de completar as listas, aínda que a priori esta cuestión non está recollida na orde do día.

Precisamente, a norma do regulamento que obriga a que haxa un máximo do 60% de homes ou de mulleres impediu que se puidesen completar as listas de delegados nalgunhas das 24 comarcas nas que o Bloque divide o territorio galego. Polo menos, na Estrada e no Ribeiro non se puideron pechar as listas de delegados para o conclave debido a esta circunstancia.

Previamente, este feito desembocou en que, en comarcas como Lugo Centro, o colectivo Máis BNG -na que se aglutinan independentes e ESG ou PNG- e as chamadas Listas Abertas -que integra o Encontro Irmandiño e Esquerda Nacionalista como correntes organizadas no BNG xunto con independentes- concorresen nunha única candidatura. Nesta comarca, os 55 delegados obtidos de forma conxunta atribúense ás Listas Abertas.

Ademais, segundo os últimos datos actualizados, Alternativa pola Unidade conta con 1.092 delegados, aos que hai que sumar parte dos 33 da Costa da Morte, nos que esta candidatura vai coaligada con Listas Abertas, que podería obter máis delegados dos inicialmente conseguidos ao sumar militantes integrados noutras candidaturas.

A corrente Máis BNG conta con 791 delegados máis outros sete que pertencen á comarca de Valdeorras e que comparte con Listas Abertas, aínda que a proporción exacta de cantos poderían corresponder a unha ou outra candidatura tampouco aparece precisada nos datos provisionais.

Noutras zonas como Monterrei, Baixo Miño ou O Barbanza só se presentaron dúas listas, unha de Alternativa pola Unidade e outra de Máis BNG, entre cuxos delegados tamén se atopan militantes que non puideron formar listas alternativas e que, segundo as fontes consultadas, poden apoiar a outras candidaturas no plenario.


4/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: