Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Investidura de Núñez Feijoo

"Liberdade" para usar o castelán nas aulas en todas as materias agás o galego

O enfrontamento parlamentario desta semana deixa un chisco máis lonxe a posibilidade dun consenso a curto prazo en favor da normalización lingüística.

Redacción - 21:40 16/04/2009

"Están vostedes de acordo en consultarlles aos pais? Nós si", preguntoulles Alberto Núñez Feijoo aos grupos da oposición na intervención deste xoves previa á súa investidura como presidente da Xunta. A continuación avanzou Núñez Feijoo un par de detalles sobre o proxecto que os populares introducirán desde o Goberno logo da derrogación do decreto sobre o galego no ensino. De xeito concreto expuxo o candidato a súa intención de "garantir" que todos os alumnos poidan dirixirse en castelán ao profesor en calquera materia agás na de lingua galega e do mesmo xeito poidan realizar, excepto nese caso, os seus exames en castelán sempre que así o desexen.

"Escoiten un pouco máis os cidadáns e os seus propios militantes, e poderán facerlle un bo servizo ao país", ironizou ao fío, para botar man a continuación dun texto de análise do propio PSOE, onde os socialistas afirman non ter valorado correctamente "o conflito lingüístico" e se refiren á campaña de sinaturas que un colectivo realizou en contra da normalización lingüística. "A lingua non é propiedade de ninguén", afirmara anteriormente Feijoo, espetándolles ás bancadas da oposición a idea de que "a lingua non é patrimonio de minorías, senón de todos e, en todo caso, das maiorías".

"Cando os seus dogmas non son seguidos polo pobo, acusan vostedes o pobo de ser antigalego", arrebolou o líder do PpdeG, asegurando que "é posíbel xuntar normalización e liberdade" e convidar o Parlamento a dialogar ao respecto. "Eu tentarei que os nosos rapaces poidan explicar en inglés que existe un mundo chamado Galiza", afirmou. "A lingua deféndese falándoa, en igualdade e sen confrontación", engadiu.

Leiceaga chama a explorar os eixos para a "concordia"
"Vostede alentou a confrontación política sobre esta cuestión por unha présa de votos, dando cobertura aos que tiñan posicións extremistas", acusou o voceiro do PSdeG ao candidato á presidencia. De paso prometeulle a man tendida aos populares no caso de deixaren esas posicións e volver "á corrente central". Foi aí que o voceiro socialista citou de novo a Risco para afirmar: "Non queremos que se perda o galego; defendémolo con afervoamento, con sacrificio, pero non queremos que o castelán desapareza de Galiza: queremos a paz e a igualdade dos dous idiomas".

Na opinión de Xaquín Fernández Leiceaga a posibilidade da "concordia lingüística" na escena parlamentaria debera basearse en primeiro lugar no esforzo por favorecer o coñecemento da lingua no sistema educativo. En segundo lugar, referiuse Leiceaga ao marco normativo xa existente e consensuado no seu momento onde se sinala a necesidade de "protexer a lingua propia, a máis débil" eliminando as barreiras que impiden o seu uso. "Vostede abriu a caixa dos tronos e aínda ten o atrevemento de aleccionarnos sobre a discordia lingüística", denunciou.

Aymerich lémbralle ao PP "a obriga legal"

"Se non é por amor ao país, que sexa cando menos por obriga legal", reclamoulle o voceiro do BNG ao candidato presidencial durante a súa quenda. O líder do Bloque acusou a Núñez Feijoo de estimular a confrontación social apoiando "de xeito irresponsábel" as "mentiras" impulsadas por "campañas extremistas contra a nosa lingua e contra a convivencia neste país". Na opinión de Carlos Aymerich, o posicionamento adoptado polo PP ao respecto do idioma semella basearse na idea de que "a lingua galega é algo negativo e co que hai que ter coidado, como se fose unha carga no canto da riqueza extraordinaria que é".

"Non imos permitir que por primeira vez en case trinta anos de autonomía retrocedamos naquilo no que todos debiamos camiñar unidos", apuntou o deputado nacionalista. Por último desafiouno a aclarar as súas intencións concretas logo de derrogar o decreto do galego no ensino. "Vai separar os nenos e nenas en aulas diferentes segundo a lingua que escollan os pais?", preguntoulle. Ao fío, inquiriuno sobre a súa posición contraria ás medidas impulsadas polo bipartito que transcriben "literamente" o consensuado no Plan de Normalización Lingüística e chamouno a explicar se "pretende derrogar" tamén ese plan.


4,57/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: