Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
BALONCESTO

Rematou unha mala tempada dos equipos galegos na Liga Feminina

O Extrugasa descende de categoría despois de rematar na última posición da táboa, mentres que o Celta Indepo queda fóra da loita polas competicións europeas.

Redacción - 18:00 13/04/2009

Esta fin de semana rematou unha Liga Feminina de baloncesto que deixa resultados negativos para os dous equipos galegos que participaron na categoría: Celta de Vigo Indepo e Extrugasa. As viguesas remataron fóra da loita polas competicións europeas, mentres que a situación das vilagarciás foi aínda máis dramática, xa que pasaron de clasificarse o ano pasado para xogar a Fiba Eurocup a descender este ano á Liga Feminina 2.

O Celta estivo minguado polas lesións

O equipo que adestra Miguel Méndez sufriu este ano as inclemencias das lesións, que fixeron baixar a competitividade do grupo, especialmente as de Alba Torréns e Pilar Valero. O club decidiu non fichar a ninguén para substituílas e os técnicos víronse obrigados a facer xogar a algunhas das xogadoras fóra da súa posición.

Méndez dixo que esta foi unha "tempada dura, na que cumprimos malia os problemas durante a primeira metade pero non conseguimos facelo no último mes e medio". Así cualificou como "desilusionante quedar fóra da loita polas competicións europeas" e falando sobre o seu futuro dixo estar "a disposición do club para o que eles queiran".

Mal inicio condenou ao Extrugasa
O equipo de Vilagarcia non conseguiu repoñerse do seu pésimo arranque de competición no que, despois de gañar dous dos tres primeiros partidos encadeou unha xeira de dez derrotas consecutivas. No medio da tempada tratou de mudarse o rumbo coa dimisión de Isaac Fernández e a chegada de varios reforzos, pero o equipo non conseguiu recuperarse.

Sobre iso o adestrador do Extrugasa, Tito Díaz defendeu ás súas xogadoras, dicindo que "deron a cara até o final". Díaz substituíu a Isaac Fernández mediada a tempada e dixo que ao equipo faltoulle sorte, algo que exemplificou co dato de que "dos 10 partidos que eu dirixín ao Extrugasa gañamos tres e en cinco dos que perdemos entramos no último minuto empatados ou por enriba no marcador". Sobre o futuro dixo que "a directiva é agora a que debe decidir o que quere e comezar a traballar en base ás posibilidades e os apoios cos que se atope".


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: