Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A CIFRA DE MORTOS CHEGA AOS 293

Berlusconi pide axuda para reconstruír as vilas afectadas polos sismos no centro de Italia

Os servizos de rescate que seguían traballando sábado, descartan atopar máis superviventes. Mentres, continúan as réplicas: a última, de madrugada chegou aos 3,3 graos.

Redacción - 22:00 11/04/2009

Despois de que se desenvolvesen, esta sexta feira, os funerais de Estados polas vítimas dos terremotos que afectaron a zona centro de Italia dende comezos da semana, apareceron aínda máis cadáveres entre os cascallos. A cifra de vítimas elevouse este sábado até as 293. Porén, os servizo de rescate seguen a traballan nas entulleiras dos predios, aínda que se descarta que se poidan atopar máis persoas con vida. De feito, a última supervivente rescatouse a pasada terza feira, e dende aquela só se atoparon persoas falecidas entre as pedras e os ladrillos derrubados polos sismos.

As réplicas constantes, que poderían durar meses, segundo os expertos, son un dos problemas principais que dificultan as tarefas de rescate dos finados. O último tremor de terra, de 3,3 graos na escala de Richter, produciuse na madrugada da sexta feira para o sábado. Segundo protección civil, o epicentro localizouse de novo en l'Aquila -onde se produciu o primeiro sismo, a pasada segunda feira, e onde máis afectada se viu a poboación-, e nas localidades de Pizzoli e Foso.

Ademais das 293 vítimas mortais, hai un milleiros de feridos e 25 mil persoas evacuadas das súas casas, a maioría delas, durmindo en tendas de campaña. As estimacións provisionais falan de 10 mil edificios desfeitos, a maioría en l'Aquila, a xa denominada "cidade fantasma", entre eles a inmensa maioría dos edificios e lugares dedicados ao patrimonio cultural.

Berlusconi pide axuda para os damnificados e para a reconstrución do patrimonio
O primeiro ministro italiano, Silvio Berlusconi, sinalou este sábado ante os medios de comunicación que conta coa colaboración de outros países para a restauración do patrimonio cultural e histórico destruído no terremoto da pasada segunda feira, en L'Aquila. Berlusconi tamén fixo referencia explícita ao apoio do presidente español, José Luis Rodríguez Zapatero, que, segundo o Ministerio de Asuntos Exteriores, se materializará na reconstrución do Forte de l'Aquila, un castelo do século XVI que foi edificado polo Virrei de Nápoles Pedro Álvarez de Toledo e Zúñiga, entre 1532 e 1553, cando esta zona italiana estaba baixo o dominio do Reino de Aragón.

Por outro lado, o Consello de Ministros italiano acordou esta sexta feira desenvolver varias medidas de axuda aos damnificados, que se poñerán en marcha terminadas as vacacións de primavera, a semana que entra. O aprazamento dos pagos das cotas das hipotecas e as posteriores negociacións é unha. De feito, o Ministerio de Economía pediulle ás entidades financeiras que suspendan o pago das cotas, permitan a re-negociación das hipotecas e reduzan o prezo das operacións financeiras, en solidariedade cos afectados. Entre outras medidas, tamén está previsto que se suspenda o pagamento dos recibos da luz e do gas, polo menos durante dous meses. Ademais, ás familias damnificadas háselles dar unha axuda de 400 euros mensuais. Tamén recibirán unha compensación económica de 800 euros as persoas que desenvolvesen algunha actividade comercial, agrogandeira, artesanal ou similar, que se visen obrigadas a suspendela após o terremoto. Ademais, as persoas con algunha discapacidade recibirán e os xubilados unha axuda de 500 euros.

Máis información nos xornais italianos:


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: